Skip to main content

Desde Saúde Mental FEAFES Galicia realizamos diversas actividades para achegar a saúde mental e a prevención do suicidio á poboación no marco do programa Conecta coa Vida

O programa «Conecta coa vida», financiado pola Consellería de Sanidade e desenvolvido por Saúde Mental FEAFES Galicia, busca ofrecer información e asesoramento sobre o suicidio a toda a poboación, partindo da base de que o silencio que rodea ao suicidio produce un aumento do estigma, a desinformación, a incomprensión e que dificulta o acceso a medidas de prevención.

Para isto, ao longo do 2023 realizamos diferentes accións de sensibilización en contextos diversos, transmitindo que o traballo en prevención pode ser determinante para atallar as condutas suicidas. Estas actividades permítennos tamén identificar os sinais de alerta e proporcionar ferramentas útiles para afrontar situacións ou condutas de risco.

Estas accións consistiron nunhas charlas/obradoiros acompañados de accións de coordinación, seguemento e intervención específicas nos casos nos que se detectaron problemas de saúde mental e ideación ou conduta suicida.

Conectando en centros educativos

Desde Saúde Mental FEAFES Galicia defendemos que os centros educativos deben ser espazos seguros nos que se traballe a prevención. Así será posible detectar os primeiros sinais que mostren indicios de problemas de saúde mental, acoso escolar, vítimas de violencia en liña, ideas suicidas, etc.

Para isto, ofrecemos apoio e dotamos de ferramentas ao persoal docente e profesional dos centros educativos. Para que así, sexan capaces de detectar as situacións de risco e actuar en consecuencia.

Formamos tamén aos menores, para que poidan identificar as condutas ou situacións de risco e incluso as ideacións ou condutas suicidas. Ademáis, consideramos fundamental dotar de ferramentas ás familias e ofrecerlles apoio para que, en caso de ser preciso, saiban onde acudir e como actuar.

Conectando en centros comunitarios

É de vital importancia que a sociedade estea informada e sexa parte activa no coidado da saúde mental. Especialmente nos centros sociocomunitarios, servizos sociais, entidades do terceiro sector, etc. onde se atopa o persoal profesional que adoita estar en contacto con persoas en situación de risco (persoas en risco de exclusión social por motivos de pobreza ou sen fogar, persoas con discapacidade; persoas de familias monoparentais, persoas con diagnóstico de saúde mental,…).

Por iso, nas nosas actividades ofrecemos ás e aos profesionais información e ferramentas que lles permitan unha detección precoz e faciliten o traballo en rede entre os distintos axentes implicados para a prevención do suicidio.

 

Durante o 2023, realizáronse tres charlas en entidades sociais en A Coruña ás que asistiron 29 persoas. En Lugo, impartíuse unha charla na Facultade de Veterinaria e dúas na Escola para Adultas, ás que acudiron un total de 50 persoas. Pola súa parte, en Santiago realizáronse seis charlas en centros educativos e entidades sociais, nas que participaron 350 persoas. Tamén se realizou unha actividade na Universidade de Vigo en Ourense e, finalmente, en Vigo e Pontevedra, leváronse a cabo seis charlas en centros educativos e oito en entidades sociais.

A través destas actividades, o programa Conecta coa Vida busca sensibilizar e informar sobre a saúde mental así como traballar na sensibilización, prevención, detección precoz, coordinación e intervención desde unha perspectiva integral para previr e atender a conduta suicida.

 

 

Esta campaña foi financiada con cargo aos fondos que foron aprobados no CISNS de data do 23 de xuño de 2023 como apoio á implantación do Plan de Acción de Saúde Mental.