Skip to main content
Novas

Conferencia do avogado de Feafes Galicia sobre a tutela nunha xornada da asociación Doa en Vigo

By 3 de Outubro de 2012Novembro 13th, 2022No Comments

jornadaDoa_8oct2012.JPG

O avogado responsable da asesoría xurídica de Feafes Galicia, Iván Sanmartín, participará o próximo 8 de outubro nunha xornada organizada pola Asociación de Axuda ao Enfermo Mental Doa, que terá lugar no auditorio do edificio administrativo da Xunta en Vigo.

Na súa intervención, titulada “A tutela. Persoas con enfermidade mental e as súas familias”, o letrado realizará unha breve descrición desta figura xurídica e das súas diversas variantes. A continuación, explicará cales son as demandas máis frecuentes dos usuarios de Feafes Galicia.

O avogado tamén expoñerá as situacións conflitivas que se poden xerar en relación á tutela entre as persoas con enfermidade mental e os seus familiares e como tratar de evitalas. Por último, na conferencia abordarase a figura do titor, cales son as súas responsabilidades e os medos e dúbidas que adoitan xurdir.

As xornadas comezarán ás 9 horas coa inauguración por parte da delegada da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo. A continuación, intervirá o notario Pedro Riol, que falará sobre “Testamentaría en persoas con enfermidade mental crónica”.

Seguidamente, ás 10.15 horas falará o avogado de Feafes Galicia; ao que seguirá o fiscal da Fiscalía de Menores de Vigo José Ramón García Palacios, que realiazrá unha ponencia sobre “Procesos de modificación de capacidades. Situación actual e adaptación aos principios da Convención da ONU”.

En último lugar, ás 12.45 horas intervirá o avogado e director da área de tutela da Funga, Francisco José Brea Santiago, quen explicará “A función das entidades tutelares no proceso de modificación de capacidades”.

As inscripcións deben realizarse no 986 483 208 ou no email gestion@aodoa.org, ata o 4 de outubro ás 14 horas. A actividade é computable por créditos ECTS para calquera titulación da Universidade de Vigo.