Skip to main content
O Sergas constituíu onte, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Saúde Mental, o grupo de traballo que se encargará de elaborar o Plan Galego de Saúde Mental e que quedará conformado, ademais de pola propia Consellería de Sanidade, por diferentes profesionais implicados na asistencia á saúde mental, representantes doutras institucións e colectivos entre os que se atopan asociacións de profesionais, de familiares e de pacientes, entre eles FEAFES Galicia. 
Para a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, considera “imprescindible” a participación de todos os axentes sociais e profesionais implicados: asociacións de pacientes, familiares e profesionais, das entidades do terceiro sector, doutros departamentos da Xunta e a da propia cidadanía. “Temos iniciado un camiño que non está exento de complexidades, pero que é tamén ilusionante xa que permitirá mellorar a atención prestada aos trastornos mentais na nosa comunidade autónoma”, indicou Almuiña, tras subliñar que os trastornos mentais e neurolóxicos “son un dos grandes retos sanitarios para o século XXI en toda Europa”.
No transcurso da devandita reunión informouse aos asistentes das propostas que nos últimos meses lle deron traslado á Consellería de Sanidade nas distintas reunións do comité de Atención Sociosanitaria, e de xeito individual, profesionais sanitarios e asociacións como FADEMGA, FEAFES Galicia ou a Asociación Galega de Psiquiatría, entre outras. O obxectivo final é a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental previsto na liña estratéxica tres do documento de planificación Estratexias SERGAS 2020, no apartado 6.1 Atención integral adaptada ás necesidades dos pacientes, familiares e coidadores.
Co Plan Galego de Saúde Mental, a Consellería de Sanidade quere seguir avanzando nun modelo de atención integral e comunitaria que posibilite a recuperación da enfermidade mental, garantindo ao paciente dispositivos de apoio no seu entorno. Nesa mesma liña quérese seguir traballando pola recuperación funcional das persoas con trastornos mentais e a normalización en todas as súas áreas, especialmente promovendo a empregabilidade.
Outra das áreas son a investigación e a innovación e, neste eido, a Consellería de Sanidade apoia a investigación en xenética de trastornos mentais a través dun convenio específico coa Fundación Xenómica de Galicia. Tamén se está a traballar coa Unidade de Asesoramento Científico-Técnico en proxectos como a elaboración dunha guía clínica de atención á saúde mental na infancia e na adolescencia; na visibilización das necesidades dos/as adolescentes con trastornos mentais, e recentemente desenvolvendo un proxecto que levará aos hospitais galegos a biblioterapia como ferramenta de axuda ao paciente deprimido.
A través do proceso de elaboración deste plan, a Consellería quere ser quen de detectar necesidades non cubertas, áreas de mellora e novas realidades asistenciais, consensuando propostas de actuación cos profesionais sanitarios e os diferentes colectivos implicados para concretar respostas.
Nesta fase preliminar detectouse a necesidade de mellorar nalgúns aspectos da coordinación sociosanitaria, no desenvolvemento da rede de atención aos trastornos mentais a colectivos específicos como son a infancia e os mozos e mozas; a ordenación dos recursos e programas asistenciais en saúde mental e potenciar o papel da atención primaria.