O Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade trata de fomentar a igualdade de oportunidades para reducir a discriminación que sofren as mulleres con problemas de saúde mental. Financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade, o obxectivo do proxecto é dotar ás 50 participantes dunha maior autonomía e independencia que permitan mellorar a súa situación persoal, social e laboral, ofrecendo deste xeito unha atención personalizada e especializada a cada unha delas.
Para iso, defínense itinerarios personalizados de atención que inclúen actuacións de información e asesoramento sobre aspectos como a psicoloxía, os recursos que teñen á súa disposición, o ámbito xurídico ou o acceso ao emprego. Tamén se ofrecen ferramentas para aprender a identificar e previr a violencia de xénero e a discriminación da que estas mulleres son vítimas en moitas ocasións.
Por outra banda, no marco deste programa organízanse accións grupais que permiten compartir experiencias con outras mulleres que se atopan nunha situación similar, enriquecéndose mutuamente e aprendendo as unhas das outras. Neste senso, lévanse a cabo talleres de autoestima e autocoidados; afectividade, sexualidade e anticoncepción; prevención de malos tratos; manexo da aplicación EscApp; habilidades sociolaborais para a empregabilidade; etc.
Adaptándonos ás circunstancias: a atención durante a COVID-19
Durante o estado de alarma provocado pola COVID-19, o proxecto tivo que adaptarse a un novo contexto, tendo en conta que as mulleres participantes atópanse nunha situación de especial vulnerabilidade que podería verse agravada durante o confinamento. Por iso, continuamos realizando seguimentos individuais e accións grupais a través de diversas ferramentas como o teléfono, as videochamadas, WhatsApp ou Jitsi.
Nun primeiro momento realizouse unha análise da situación e das necesidades de cada unha das mulleres, ofrecéndolles formación e apoio para o manexo das ferramentas que precisaban para continuar co programa de xeito telemático. Igualmente, facilitóuselles información sobre a COVID-19, estratexias de prevención, técnicas de afrontamento da nova situación, indicacións sobre como detectar situacións de abuso ou violencia durante o confinamento e como actuar.
O apoio emocional e o acompañamento nese momento de risco, así como o traballo sobre a autoestima e o autocoñecemento, resultaron fundamentais. Tamén se traballaron habilidades sociais para perfeccionar as competencias persoais e facilitóuselles información sobre formación online para mellorar a empregabilidade, acompañándoas tamén no proceso de busca de emprego.
No mes de xullo retomáronse as accións presenciais, tanto individuais como grupais, tendo en conta as medidas de seguridade e atendendo á importancia de ofrecer apoio continuo ás mulleres con problemas de saúde mental.