100 persoas con problemas de saúde mental fórmanse a través do Programa Integrado de Emprego, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Servizo Público de Emprego Estatal. Os cursos que están a realizar forman parte do catálogo do SEPE.
Saúde Mental FEAFES Galicia continúa co Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2024-2025. Esta iniciativa está financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal.
O obxectivo deste programa é mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego con intermediación laboral na comunidade autónoma de Galicia.
As formacións que se están facendo pertencen ao catálogo de formacións do Servizo Público de Emprego (SEPE). E permiten que as persoas usuarias actualicen e reforcen as súas competencias de cara a mellorar a súa empregabilidade.
Ofrecemos formacións para o emprego
No marco do programa estamos a impartir formacións en A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo. Na Coruña, 10 persoas están cursando “Iniciación á informática e en competencias dixitais básicas” e “Iniciación á creación e edición de textos”. Pola súa banda, en Santiago xa remataron os cursos de “Atención ao cliente e calidade do servizo”, no que participaron 12 persoas; e “Trámites on-line coa adminsitración”, no que participaron 9 persoas. Actualmente estase impartindo o curso “Busca, xestión de información e realización de trámites en dispositivos móbiles”.
En Lugo, xa en xaneiro se realizaron os cursos de “Windows e Word iniciación”, que contou con 10 persoas participantes; e o de “Word. Nivel avanzado”, no que participaron 11 persoas. Tamén finalizaron en Ourense os cursos “Aplicacións informáticas de xestión” e “Atención ao cliente e calidade do servizo”, nos que participaron 12 e 11 persoas respectivamente.
E finalmente, en Vigo, xa remataron os cursos de “Procedementos de traballo para auxiliares de servizos”,10 participantes; e “Windows e Word iniciación”, 8 participantes. Está pendete de comenzar o curso de “Limpeza e tratamento de superficies”.
Un programa para mellorar a empregabilidade
O Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2024-2025, contempla o desenvolvemento de itinerarios personalizados de inserción que inclúen accións individualizadas e grupais para facilitar a adquisición de habilidades laborais que favorezan a inserción laboral das persoas participantes.
Nesta iniciativa, contamos cunha bolsa de axudas de 10€ diarios. Tamén estableceremos medidas de conciliación segundo as necesidades.
A través deste proxecto, esperamos que as persoas participantes melloren as súas oportunidades de acceso ó emprego e acadar, como mínimo, o 42% de inserción. Agardamos que esta iniciativa sexa un apoio para que as persoas con problemas de saúde mental poidan alcanzar os seus obxectivos persoais e profesionais.

