A Consellería de Política Social e Igualdade renova con Saúde Mental FEAFES Galicia a concesión do Programa de Atención Integral a Mulleres con enfermidade mental en situación de vulnerabilidade.

Desde o ano 2010, Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolve o programa de “Atención Integral a Mulleres con enfermidade mental en situación de vulnerabilidade”. Esta iniciativa realízase grazas á colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade que acaba de aprobar a continuidade desta subvención para o período 2024-2025.

O programa de “Atención Integral a Mulleres” busca paliar as desvantaxes coas que se podan atopar as mulleres con enfermidade mental en situación de vulnerabilidade. Grazas a este proxecto, prestamos atención e apoio a 52 mulleres de toda Galicia. O noso obxectivo é fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír á redución da discriminación que sofren estas mulleres. Ao mesmo tempo, procuramos que adquiran ferramentas para reforzar a súa autonomía e independencia.  Todo isto, coa finalidade de mellorar a súa situación persoal, social e laboral.

Apoiamos ás mulleres e as súas familias

No programa de “Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade”, realizamos actividades que axuden a mellorar a calidade de vida das participantes.

Dentro das accións que se levan a cabo neste programa está o servizo de orientación e información especializado, grazas ao cal ofrecemos apoio directo e acompañamento nas relacións con outras entidades e servizos.

Tamén ofrecemos atención psicolóxica para orientar e acompañar ás participantes na comprensión do seu problema de saúde menta. Ao mesmo tempo que dotamos de estratexias e habilidades para manexar posibles crises e para abordar as necesidades propias dende unha perspectiva empoderante.

Prestamos, ademais, asesoramento xurídico ás usuarias e as súas familias sobre temas administrativos, civís, penais ou de vulneración de dereitos. E tamén realizamos mediación familiar, asesorando e formando ás familias e persoas de referencia sobre problemas de saúde mental, causas, consecuencias e como abordalos.

A maiores, realizamos tamén obradoiros nos que traballamos a autoestima e o autocoidado. Entre os temas tratados están a afectividade, sexualidade e anticoncepción; acoso a través das novas tecnoloxías; ou recursos e información de utilidade ante situacións de violencia de xénero.

Fomentamos a autonomía e o acceso ao emprego

Un dos pilares da atención a mulleres é a orientación laboral. Neste apartado, elaboramos itinerarios personalizados de inserción laboral coas mulleres participantes. Durante o proceso traballamos técnicas de busca de emprego, habilidades sociolaborais, facemos intermediación laboral,etc.

E, finalmente, realizamos accións formativas que permitan a adquisición de habilidades persoais e sociais básicas ou de competencias para a mellora da empregabilidade.

O programa “Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade” podemos seguir traballando para mellorar a calidade de vida destas mulleres.

 

Coa colaboración de:

Share