O programa “Itinerarios personalizados de inclusión” que realizamos co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade, continua atendendo a persoas con problemas de saúde mental en situación de vulnerabilidade.

Non é doado saír dunha situación de exclusión social. No camiño interveñen os aspectos económicos e laborais, pero tamén o que ten que ver cos aspectos sociais e relacionais e, por suposto, a situación persoal e a saúde.
Por isto, Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolve entre maio do 2025 e abril do 2027 o programa “Itinerarios personalizados de Inclusión”. Esta iniciativa consta de dous itinerarios de inclusión sociolaboral con acompañamento e transición ó emprego:
- Itinerarios personalizados para persoas con problemas de saúde mental. Destinado a 80 persoas demandantes de emprego e cun problema de saúde mental en A Coruña, Santiago, Ourense, Lugo e Vigo. Buscamos a mellora da empregabilidade a través de acompañamentos sociais, apoio integral, orientación e asesoramento.
- Itinerarios personalizados para persoas sen fogar e con problemas de saúde mental. Destinado a 30 persoas que teñen diagnosticado un trastorno mental grave e están en situación de sen fogar ou grave risco de exclusión social. Este itinerario desenvólvese en A Coruña, Santiago, Ourense e Vigo. O obxectivo é promover o desenvolvemento progresivo de estratexias que favorezan a recuperación, a incorporación social e a mellora da calidade de vida destas persoas.
Este proxecto foi financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade e cofinanciado parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE + Galicia 2021-2027.
Historias de esforzo, aprendizaxe e acompañamento
A nosa intervención dentro deste programa vai destinada a derrubar as barreiras contra as que se enfrontan estas persoas, entre elas a cobertura de necesidades básicas, a inserción sociolaboral e o illamento, atendendo as necesidades e demandas de cada persoa.
“Síntome máis apoiada e respaldada, sabendo que sempre estades aí”, comenta unha das participantes do programa. Nos “Itinerarios personalizados de inclusión” avaliamos as necesidades de cada persoa participante para poder deseñar un plan personalizado de inclusión social e/ou laboral. Realizamos acompañamentos, sempre que a persoa o precise, durante todo o programa para facilitar a adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais.
Tamén buscamos promover o acceso e mantemento dun posto de traballo a través da prospección e intermediación laboral. “Estar aquí axudoume a conseguir emprego”, asegura outro participante, e continúan: “Antes non era capaz. Só traballaba días soltos ou abandonaba o emprego”.
Cabe destacar que, dentro do programa, traballamos tamén a perspectiva de xénero con carácter transversal a toda a planificación, desenvolvemento e avaliación da actuación. Ademais, creamos espazos de iguais para que as mulleres participantes poidan compartir experiencias e crear unha rede de apoio. E ofertamos tamén formacións e informacións específicas para as usuarias. Unha delas, confirma que as formacións dan resultado: “Estou en proceso de poñer límites as relacións co meu entorno, a priorizar os meus coidados”.
Desde Saúde Mental FEAFES Galicia sabemos que a inclusión é un proceso que require tempo, acompañamento e traballo en rede. Iniciativas como os “Itinerarios personalizados de inclusión” son necesarias para que as persoas con problemas de saúde mental en situación de vulnerabilidade poidan construír unha vida estable.
Programa cofinanciado pola Unión Europea a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027

