Skip to main content
A Lei Xeral de Sanidade cumpre este ano tres décadas. Esa norma, aprobada en 1986, incluía unha reforma pola cal os antigos hospitais psiquiátricos (por aquel entón chamados manicomios) debían desaparecer e o tratamento das enfermidades mentais debía integrarse nos hospitais xerais. O obxectivo da medida era romper coa estigmatización das enfermidades psiquiátricas e darlles normalidade pasando a atender aos pacientes de patoloxías mentais nos hospitais tradicionais. 
Trinta anos despois, Galicia aínda non completou o proceso. Naquel momento a comunidade contaba con catro centros públicos deste tipo, un por provincia: Castro de Rei en Lugo, Toén en Ourense, o compostelán de Conxo na Coruña e o de Rebullón na localidade pontevedresa de Mos.
Os catro seguiron existindo durante moitos anos a pesar da entrada en vigor desa lei. O primeiro en pechar foi o de Toén, pero non foi ata xaneiro do 2012 cando perdeu a súa actividade. Un mes despois deixaba de prestar servizo o de Castro de Rei. A pasada semana facíao o de Rebullón. Na rede pública só queda operativo, por tanto, o de Conxo. E, en principio, non hai ningunha previsión de pechalo, segundo confirmou a Consellería de Sanidade. 
Agora ben, o hospital psiquiátrico que agora mesmo funciona en Conxo non ten nada que ver co sanatorio de tres décadas atrás. Ao longo dos últimos anos, o centro foi sometido a unha profunda reforma, a cifra de pacientes en hospitalización diminuíu e abríronse outros servizos de tratamento máis adecuados á nova filosofía da atención psiquiátrica, como un hospital de día e programas de pisos protexidos, talleres ou atención a domicilio.
Os pacientes dos tres psiquiátricos pechados ata o momento, así como algúns de Conxo, volveron ao seu domicilio se a súa situación permitíao, outros a pisos tutelados, a hospitais de día e, naqueles casos nos que necesitaban continuar hospitalizados, foron nas unidades de agudos que se crearon nos hospitais xerais públicos. Outra das medidas que se impulsaron foi a de enviar a algún destes pacientes a residencias de anciáns. 
Desde FEAFES Galicia, o peche dos psiquiátricos clásicos é unha reivindicación histórica e, por tanto, celebramos clausura do sanatorio de Mos. Segundo o presidente da entidade, Xosé Ramón Girón, os antigos hospitais mentais eran «un mal método para a recuperación das persoas con enfermidades mentais». 
Iso si, para FEAFES Galicia, a desaparición deses centros non debe supoñer que decrezan os recursos, tanto persoais como materiais, dedicados á sanidade mental. «A oposición aos psiquiátricos clásicos non xustifica a inexistencia de unidades de media e longa estancia que garantan unha boa atención ás persoas cunha enfermidade mental grave», di Girón.
Segundo as cifras oficiais, son 41.500 as persoas que en Galicia teñen recoñecida oficialmente algunha enfermidade mental. Con todo, FEAFES Galicia considera que o número pode ser en realidade maior, porque moitos pacientes aínda prefiren manter a reserva sobre a súa enfermidade e, por tanto, non facela pública nin, en consecuencia, pedir que se lles recoñeza como tales. Ademais, as estatísticas apuntan a que unha de cada catro persoas sofre algunha enfermidade mental ao longo da súa vida. 
A pesar destes datos, FEAFES Galicia considera que á atención psiquiátrica non se lle presta suficiente atención nos programas sanitarios de prevención. «Algo se avanzou nos últimos anos, pero fai falta discriminación positiva», opina Xosé Ramón Girón.