A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) quere agradecer a Correos o seu apoio na inserción sociolaboral de persoas con enfermidade mental. Tras realizar prácticas non laborables nas instalacións da empresa en Santiago de Compostela durante dous meses, a compañía contratou dous demandantes de emprego do noso servizo de orientación laboral.
Un dos empregados empezou a traballar xa o pasado mes de maio e o outro fíxoo a principios do mes de xuño. Ambos os dous expresaron estar “moi contento” por esta oportunidade laboral que lles permite demostrar que as persoas con enfermidade mental queren e poden desempeñar un traballo axeitado en igualdade de condicións.
Os dous demandantes de emprego realizaron as prácticas grazas ao Proxecto Incorpora de la Obra Social de La Caixa, a través do cal Correos asinou un convenio de colaboración a nivel estatal para cooperar na inserción laboral de persoas en situación de vulnerabilidade.
Concretamente, unha das persoas que realizou as prácticas estivo nunha das oficinas, mentres que o outro usuario realizou as súas tarefas no Centro de Tratamento Automatizado. Feafes Galicia quere destacar que esta é unha nova oportunidade para demostrar a empresarios, traballadores e a toda a sociedade en xeral que as persoas con enfermidade mental están perfectamente capacitadas para encontrar e manter un posto de traballo que repercuta positivamente na súa integración social, colaborando desta forma na eliminación do estigma que padece o colectivo e á normalización deste.
Feafes Galicia espera seguir colaborando con Correos na inserción laboral de persoas con enfermidade mental, tanto con prácticas non laborables coma con futuras contratacións.