Skip to main content
Novas

Correos colaboran na inserción sociolaboral de persoas con enfermidade mental

By 7 de Marzo de 2012Novembro 13th, 2022No Comments

A partir deste mes de marzo, dous demandantes de emprego do servizo de inserción laboral de Feafes Galicia realizarán prácticas non laborables nas instalacións de Correos na comarca de Santiago de Compostela. Esta iniciativa está encadrada no Proxecto Incorpora da Obra Social de La Caixa, a través do cal Correos asinou un convenio de colaboración a nivel estatal para cooperar na inserción laboral de persoas en situación de vulnerabilidade.

Concretamente, unha das persoas que realizará as prácticas estará nunha das oficinas, atendendo ao público e realizando labores de envío de cartas. O outro usuario realizará as súas tarefas no centro de tratamento automatizado. Alí, descargará a mercadoría, clasificaraa e distribuiraa.

Estas prácticas de dous meses de duración son unha oportunidade para que as persoas con enfermidade mental se desenvolvan dentro dun ámbito laboral e poidan demostrar as súas capacidades e habilidades. Así mesmo, é un xeito de colaborar na loita contra o estigma social que ten o colectivo.

Feafes Galicia agradece esta oportunidade e espera seguir colaborando con Correos na inserción laboral de persoas con enfermidade mental. Así, confían en que esta experiencia se poida ampliar ao resto de delegacións de Feafes e que estas prácticas non laborables dean lugar a futuras contratacións.