O pasado 6 de abril, un grupo de representantes de FEAFES Galicia desprazouse a Ponferrada para compartir unha experiencia de intercambio de coñecemento e boas prácticas cos compañeiros de Salud Mental Castilla y León, co obxectivo de avanzar no desenvolvemento do movemento asociativo a favor da saúde mental.
Foron un total de 15 profesionais os que se deron cita na sede da Axencia de Colocación da delegación rural de Salud Mental Ponferrada, pertencente á asociación Alfaem Salud Mental León.
Ao longo da xornada abordáronse diferentes temáticas, como a referida á Lei de Dependencia e á figura do asistente persoal, onde Salud Mental Castilla y León puido explicar o desenvolvemento normativo que se realizou na súa Comunidade Autónoma. Esta evolución posibilitou potenciar os servizos profesionais da rede asociativa, colocando ás asociacións leonesas como provedoras referentes de servizos e prestacións vinculadas ao catálogo de servizos da devandita lei.
Dende FEAFES Galicia, compartimos o noso Servizo de Inserción laboral, que actualmente funciona como centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia. A través del, ofrecemos información e orientación laboral co obxectivo de mellorar a empregabilidade dos demandantes que contan con certificado de discapacidade por problemas de saúde mental.
Da mesma forma, desde Salud Mental Castilla y León compartiron a fórmula de traballo utilizada na área de emprego baixo o marco do Programa de Itinerarios Individualizados de Inserción Sociolaboral.
O obxectivo principal desta xornada foi establecer sinerxías e futuras colaboracións entre ambas entidades rexionais, así como buscar eses espazos comúns nos que confluír. Todo baixo o prisma de potenciar a liña de traballo colaborativa e de cooperación interasociativa. Neste senso, queda emprazado un próximo encontro en Galicia onde se abordarán algunhas temáticas que non foron tratadas nesta ocasión, como a atención no medio rural ou a área de muller e saúde mental.