80 persoas cun problema de saúde mental participaron ao longo do 2025 no programa Creando Redes, financiado pola Fundación ONCE
Desde Saúde Mental FEAFES Galicia seguimos traballando pola inclusión laboral das persoas con problemas de saúde mental. O emprego é un piar fundamental na vida de calquera persoa, para as nosas usuarias e usuarios, ademais, ten un valor terapéutico xa que favorece a integración e a vida na comunidade e permite cambiar o rol de “persoa enferma” polo de persoa traballadora. Pero a taxa de emprego do colectivo é soamente do 17%. Con todo, a nosa experiencia dinos que esta porcentaxe é maior cando existe un apoio e acompañamento detrás.
Por iso, desde xaneiro e ata decembro do pasado ano tivemos en marcha o programa de Creación de Emprego, financiado pola Fundación ONCE que busca conectar ás persoas con discapacidade por enfermidade mental desempregadas e en busca de emprego co tecido laboral.
Conectamos co mundo laboral
Dentro do programa “Creando Redes” buscamos favorecer o acceso ao emprego de 80 persoas que teñan un problema de saúde mental en toda Galicia. Para iso, o primeiro foi identificar as oportunidades laborais que existían na contorna das persoas participantes e dar a coñecer ás empresas o noso servizo de inserción laboral.
Unha vez establecido o contacto, informamos ás empresas dos beneficios que supón contratar a unha persoa cun problema de saúde mental. Ao mesmo tempo, traballamos activamente por eliminar as ideas e prexuízos que algunhas empresas e persoas empresarias aínda teñen sobre a capacidade laboral destas persoas. Todo co fin último de acadar a inserción laboral das persoas participantes.
Favorecemos a inserción
O acceso ó emprego é un obxectivo con enormes dificultades para as persoas con problemas de saúde mental. O desemprego e a marxinación do mundo laboral son unha das maiores desvantaxes sociais que sofre este grupo de persoas.
Co programa “Creando Redes” demostramos que, cando se ofrecen o acompañamento e as oportunidades necesarias, as persoas con problemas de saúde mental están capacitadas para traballar como calquera outra persoa. Así, o pasado ano foron 80 as persoas que se beneficiaron deste servizo e 70 (35 mulleres e 35 homes) as que foron derivadas a algunha oferta de emprego. Destas persoas, o 33% conseguiu un emprego de máis de tres meses de duración e o 10% conseguiu un emprego cunha duración superior ao ano.



