No programa de “Mediación Familiar”, as nosas asociacións proporcionan orientación, mediación e intervención familiar especializada dirixida as familias de persoas con problemas de saúde mental.
A atención e coidados das persoas con problemas de saúde mental recae en gran medida nas familias. Pero dentro da convivencia poden xurdir preocupacións, dúbidas, situacións problemáticas ou de risco.
Por iso, as nosas entidades asociadas A Creba, Fonte da Virxe e Doa, comezaron o programa “Mediación Familiar”. Este programa é unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade. O seu obxectivo é proporcionar orientación, mediación e intervención familiar especializada. Todo isto orientado á atención e prevención de situacións problemáticas ou de risco que, pola súa natureza, poidan estar asociadas a procesos de desintegración familiar.
Fortalecer a familia e favorecer o proceso de recuperación
A través desta iniciativa, traballamos con 9 familias de persoas con problemas de saúde mental co obxectivo de dotalas de ferramentas e coñecementos necesarios que contribúan a mellorar a súa calidade de vida e fortalecer os vínculos familiares.
O proxecto “Mediación familiar” desenvólvese a través dun modelo de atención integral, especializada e centrada na familia. A intención é fortalecer o seu papel como principal rede de apoio no proceso de recuperación das persoas con problemas de saúde mental. A intervención combina actuacións individuais, familiares e grupais, adaptadas ás necesidades de cada caso.
Ao principio, realízase unha valoración da situación familiar na que se identifican as necesidades e se facilita información sobre recursos, prestacións e servizos dispoñibles. A partir desta primeira acollida, establécese un plan de intervención personalizado.
Mellorar a convivencia e reducir as cargas
A través do apoio emocional e da intervención familiar, no programa de “Mediación Familiar” ofrecemos ferramentas para mellorar a comunicación, a convivencia e a resolución de conflitos. Deste xeito, buscamos reducir a sobrecarga das persoas coidadoras e favorecer un clima familiar que contribúa á estabilidade e ao proceso de recuperación. Estas actuacións complétanse con accións de psicoeducación, tanto individuais como grupais, orientadas a mellorar o coñecemento sobre os trastornos mentais, promover a adherencia aos tratamentos, desenvolver habilidades de afrontamento e combater o estigma asociado á saúde mental.
Tamén se realizan intervencións específicas en situacións de crise, proporcionando orientación inmediata ás familias e facilitando a coordinación cos recursos de urxencia cando é preciso. Do mesmo xeito, prestamos especial atención ao acompañamento nos primeiros episodios, favorecendo unha mellor adaptación e minimizando o impacto emocional e social.
O proxecto incorpora tamén accións de promoción do coidado e autocoidado das familias. A nosa intención é fortalecer as competencias parentais e de coidado e previr a sobrecarga derivada dos mesmos. Paralelamente, lévanse a cabo actividades de prevención e sensibilización social, dirixidas a reducir o estigma, fomentar a inclusión social e previr situacións de exclusión, violencia ou desintegración familiar.
Asesoramento legal e traballo en rede
O programa “Mediación familiar” inclúe, ademais, un servizo de asesoramento xurídico especializado. Este servizo está destinado a resolver dúbidas sobre trámites e temas legais relacionados coa saúde mental. Informamos sobre prestacións, procedementos administrativos, incapacidades, medidas de apoio, tutelas ou outras cuestións legais que poidan afectar ás persoas usuarias e as súas familias.
Todas as actuacións desenvólvense e coordinación cos profesionais e recursos implicados no proceso de atención de cada persoa, favorecendo o traballo en rede e a continuidade asistencial. Ademais, o programa contribúe á difusión dos recursos existentes e á visibilización da colaboración entre entidades e administracións públicas, reforzando unha resposta comunitaria máis coordinada e eficaz.
Esta iniciativa representa un apoio fundamental para as familias que sustentan un dos principais piares de atención e coidado das persoas con problemas de saúde mental.
—
O programa “Mediación Familiar” é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.

