Skip to main content

O trofeo viaxa a Vigo neste XIII Torneo de Tenis de Mesa organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia e Alume en colaboración coa asociación Dez Portas

O Pavillón Frigsa de Lugo foi, o venres 17, escenario do XIII Torneo de Tenis de Mesa pola saúde mental organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia e asociación Alume, coa colaboración da asociación local Dez Portas. Tratouse dun encontro lúdico e deportivo no que participaron sete entidades de saúde mental procedentes de toda a comunidade autónoma.

Un total de 45 xogadoras e xogadores de Alume (Lugo), Andaina (Dodro e Ordes), Avelaíña (A Guarda, Baiona e Ponteareas), Doa (Vigo e Cangas), Lenda (Redondela), Saúde Mental Ferrol (Narón), Saúde Mental FEAFES Galicia (Lugo, Vigo e Santiago), trasladáronse ata Lugo para gozar desta xornada.

 

Vigo recolle o primeiro e segundo premio

O torneo comezou ás 10h da mañá e foi sobre ás 13h30 cando Diego Agís, de Saúde Mental FEAFES Vigo, se proclamou campión. O seu contrincante na final foi Manuel Otero, da asociación Doa de Vigo e Cangas. Tras eles, Miguel Ángel Rodríguez, de Saúde Mental FEAFES Vigo, e Francisco Javier Morán, de asociación Avelaíña, ocupando os terceiros postos da clasificación.

Na entrega de premios interviron Mauricio Repetto, Concelleiro de Deportes de Lugo; Xosé Ramón Girón, presindente de Saúde Mental FEAFES Galicia, e Manuel Fernández, presidente da asociación Alume. Todas as persoas participantes foron agasalladas cunha medalla para premiar a súa participación e, a continuación do evento, celebrouse unha comida de convivencia.

 

Un torneo pola saúde mental

O Torneo de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través do campionato, Saúde Mental FEAFES Galicia mostra á sociedade unha imaxe normalizada da saúde mental, combatindo de modo activo os estereotipos negativos e falsos prexuízos que se asocian a estas persoas.

As actividades de ocio e deporte que organizan Saúde Mental FEAFES Galicia axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mentale  das súas familias, pois as persoas participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividades físcas desde unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. E, á súa vez, estas actividades permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidados.

 

Coa colaboración de: