Skip to main content

Este ano, 100 persoas máis poderán beneficiarse do proxecto “De Par en Par”, referente no acompañamento integral en saúde mental.

Saúde Mental FEAFES Galicia continúa un ano mais co programa De Par en Par. Este proxecto de inclusión social é unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade.

Tras máis de cinco anos de traxectoria e máis de 300 persoas atendidas, esta iniciativa segue buscando ofrecer unha atención integral, centrada nas necesidades das persoas usuarias e as súas familias e figuras de apoio. Mediante accións específicas, procuramos mellorar a súa calidade de vida e facilitar a súa inclusión social.

 

Un programa de proximidade

“De Par en Par” continúa desenvolvéndose en toda Galicia. Concretamente, nas localidades Coruña, Vigo e Pontevedra, Santiago de Compostela, Lugo e Ourense. Atendemos a 100 persoas que teñen algún problema de saúde mental, ofrecéndolles unha atención integral adaptada ás necesidades individuais de cada persoa e da súa familia e persoas achegadas.

O máis destacable deste programa é o seu enfoque próximo centrado na persoa. O equipo profesional non só orienta, senón que se despraza e acompaña ás persoas usuarias no seu día a día.

Atención integral centrada na persoa

En “De par en par” elaboramos inicialmente un plan individualizado de atención con cada persoa usuaria. Nel recóllense as súas necesidades e obxectivos, así como as accións que se levarán a cabo para acadalos. Deste xeito, tamén poderemos identificar a existencia de necesidades urxentes, como as persoas en situación de crise ou aquelas en risco extremo de exclusión social.

Por outra banda, o programa tamén contempla o apoio e acompañamento comunitario,  facilitando a vinculación destas persoas á rede de recursos sociocomunitarios, sanitarios e administrativos. Tamén favorecemos a súa participación en actividades sociais e culturais. Así, axudamos á manter ás usuarias e usuarios en contacto coa súa contorna.

Ademais, traballamos coas persoas participantes no ámbito formativo. Ofrecemos obradoiros sobre temas como a mediación familiar, a xestión do estrés, resolución de conflitos, habilidades sociais ou igualdade e inclusión social. Estas formacións sempre son adaptadas ás necesidades específicas de cada grupo para que as persoas participantes adquiran ferramentas que contribúan ao seu benestar.

“De Par en Par” continúa así cun modelo baseado na proximidade, o acompañamento e o traballo en rede. Construíndo deste xeito unha resposta integral que sitúa ás persoas no centro e lles permite mellorar a súa calidade de vida.

Este programa é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.