Skip to main content
Este ano, Saúde Mental FEAFES Galicia puxo en marcha o programa De Par en Par, un proxecto de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7 % do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería Política Social. 
Trátase dun novo proxecto que se puido poñer en marcha grazas á xente que marcou o recadro de “Fins Sociais” na súa declaración da renda do ano 2020, o cal permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas que beneficien ás persoas en situación de exclusión ou pobreza a través de organizacións de acción social.
De Par en Par está dirixido a un total de 27 persoas de A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo que teñen problemas de saúde mental e se atopan en situacións que incrementan o seu risco de exclusión social, como ser muller susceptible de sufrir violencia de xénero, con menores ou maiores a cargo, persoas sen apoio familiar, con escasos ou sen recursos económicos, con dificultades para o acceso á alimentación ou á vivenda, etc.
O programa ofrece unha atención personalizada ás necesidades específicas destas persoas, mellorando as súas competencias de afrontamento ante situacións de crise, implicando ás familias e persoas achegadas no proceso de recuperación ou desenvolvendo accións grupais para o fomento da súa autonomía e inclusión social. Ademais, apoiarase e acompañarase activamente ás persoas no seu proceso de recuperación e autonomía, mellorando a vinculación inclusiva e activa coa comunidade e facilitando o seu acceso a recursos económicos, sociais, residenciais, formativos, etc.
A través deste programa, por tanto, traballarase coas persoas no só na oficina senón que se lles ofrecerá apoio presencial en situacións reais, como o acompañamento ao psiquiatra, a realización de xestións administrativas ou o apoio en actividades da vida diaria. Isto permitirá mellorar a súa calidade de vida e facilitar a súa inclusión na comunidade. 
O programa De Par en Par inclúe tamén unha atención telemática coas persoas participantes e as súas familias, formándoas para iso no manexo das TICs, especialmente no actual contexto de crise sanitaria provocada pola COVID-19.