Skip to main content

Ao amparo do programa de voluntariado ambiental no Parque Nacional das Illas Atlánticas, desenvolvido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado en colaboración coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza, un total de 33 persoas de FEAFES Galicia participarán nunha acción de coidado do medio ambiente nas illas de Sálvora e Cortegada.

Os usuarios e acompañantes de FEAFES Galicia achegaranse ata as illas en tres grupos. O 4 de agosto desprazaranse ata Sálvora 8 persoas do grupo de Ocio de FEAFES Vigo e 8 da asociación Lenda; o 6 de agosto estarán en Cortegada 9 persoas da asociación Lenda; e o 27 de agosto pecharán as visitas un grupo de 8 persoas do Club de Ocio de FEAFES Ourense que pasará o día en Cortegada.

O principal obxectivo desta actividade é sensibilizar e difundir entre os participantes unha serie de coñecementos básicos sobre a concienciación medioambiental e a recuperación de ecosistemas no Parque Nacional. As actividades que se realizarán estarán centradas fundamentalmente na limpeza de praias e na erradicación de plantas invasoras, aínda que tamén haberá tempo para tomar un baño e disfrutar da paisaxe e do entorno.

O programa inclúe a comida e o material de traballo, e ao remate da actividade os voluntarios recibirán un certificado emitido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que acredita a realización desta acción voluntaria.