Skip to main content


Silvia é de Sardeña e está graduada en Técnicas da Rehabilitación Psiquiátrica. “Polo que entendín, a miña profesión é unha mestura do que aquí sería un educador social e un terapeuta ocupacional”, aclara. Dende mediados de setembro, achégase todas as mañás á asociación Doa, onde está a facer un Erasmus dentro do seu Master en Ciencias da Rehabilitación. Xa queda só un mes para completar esta experiencia, pero asegura que está a ser do máis enriquecedora.

Estráñanos moito ver unha Erasmus nunha asociación de saúde mental; por que decidiches facelo nunha entidade deste tipo e como deches con  Doa?
Polo tipo de estudos que teño, eu xa buscaba un centro de saúde mental. Entrei na web consaludmental.org e estiven a mirar varias asociacións. Das que me contestaron, gustoume moito a páxina de Doa porque me pareceu moi clara e estaba moi de acordo co que contaba e co enfoque que tiña.
Que fas na asociación?
De momento estou a rotar por todos os talleres e grupos porque quero coñecer o que fai cada traballador, cada profesional, cada rol. Gústame ter unha idea non só do que poden facer as figuras que máis se parecen á miña, como a educadora ou a traballadora, senón tamén os monitores e os psicólogos. Por iso, móvome moito entre os distintos talleres e pouco a pouco estou empezando a facer cousas eu tamén. Esta semana, por exemplo, fixen unha dinámica na terapia. 
Así podes ver como se aborda a atención á saúde mental desde distintas perspectivas…
Si, iso gústame moito porque creo que na saúde mental é moi importante coñecer outras realidades. Cada país ten a súa realidade a nivel de saúde mental, e cada rexión aínda máis. Facendo o meu Erasmus nun centro como Doa, podo ver esas diferenzas.
Entón, xa tiñas experiencia en saúde mental en Italia?
Si, en Italia traballo nun centro de saúde mental no que hai técnicos de rehabilitación, psiquiatras, psicólogos, educadores… ten moitas cousas que se parecen e outras que non. Por exemplo, temos moitos menos mozos e son máis novos. Alí facemos actividades de rehabilitación e agora estamos a tentar abrir as portas do centro. De feito, antes de que eu viñese aquí, estabamos a organizar uns cursos abertos a toda a poboación e xestionados polos rapaces do centro. Agora empezaron un curso de pintura e arte que, polo que me dixeron os meus compañeiros de Italia, está a funcionar moi ben.
Que diferenzas notas entre os centros de saúde mental que xa coñecías en Italia e unha asociación de Galicia como  Doa?
Aquí, por exemplo, gústame moito o método que teñen de rexistrar toda a información nun mesmo sistema informático, así como o feito de que cada día fagan reunións de profesionais; iso véxoo moi importante. Alí facemos reunións semanais os luns, pero aquí doume conta de que é importante estruturar ben esas reunións. Tamén me gusta a actitude que teñen os profesionais de Doa, véxoos moi dinámicos.
Entón, ao coñecer distintas formas de traballar, podes aplicar aquí cousas que se facían en Italia e viceversa, non?
Se, xustamente, iso é o máis interesante desta experiencia.
Que lle dirías a alguén que estea nunha situación semellante á túa e pense en facer un Erasmus deste tipo?
Que non o dubide; recomendaría esta experiencia absolutamente.