Máis de 50 persoas con problemas de saúde mental procedentes de toda Galicia xuntáronse en Cambre para disfrutar dunha xornada de deporte inclusivo e convivencia no III Encontro Multideporte
O pasado venres 31 de maio, a Escuela de Tenis Marineda acolleu nas súas instalacións en A Barcala (Cambre) o III Encontro Multideporte organizado pola citada escola en colaboración con Saúde Mental FEAFES Galicia. Neste encontro, que se desenvolveu ó longo da mañá de 10h a 14h, participaron máis de 50 persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia e as asociacións que a conforman, procedentes de toda Galicia.
O encontro, cun marcado carácter lúdico e de convivencia, incluíu actividades de tenis, pádel, fútbol e baloncesto. Divididas en grupos de 10 a 15 integrantes, as persoas participantes rotaron polas catro estacións nas que os monitores e monitoras realizaron clases prácticas e xogos relacionados con cada deporte. Deste xeito, tiveron un primeiro contacto coas disciplinas deportivas de tenis e pádel, dirixidas polos monitores da Escola de Tenis Marineda, e outras alternativas máis lúdicas nas estacións de fútbol e baloncesto, deportes tradicionalmente máis coñecidos.
Unha xornada de deporte e convivencia
As persoas participantes nesta actividade pertencen a diversas asociacións federadas en Saúde Mental FEAFES Galicia: Apem, Doa, Saúde Mental Ferrol, Andaina e Alba.
O obxectivo do encontro é promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. Ademais, esta actividade permite ás persoas participantes romper coa rutina, relacionarse con outras persoas e socializar, mellorando así a súa autoestima e benestar.
Tras a mañá de deporte inclusivo, as persoas participantes gozaron dunha comida de convivencia para seguir unindo lazos e poñerlle a guinda á xornada.
Participantes, público, monitoras e monitores aseguraron ter pasado un día moi entretido, gozando dunha competitividade moi sa e coñecendo a outros compañeiros e compañeiras das demais asociacións.

Coa colaboración de:
