A taxa de desemprego entre as persoas con problemas de saúde mental é a máis baixa do Estado, cun 84%. O suicidio é a primeira causa de morte externa no noso país, e estímase que entre o 65% e o 95% dos casos de suicidio están moi relacionados cos problemas de saúde mental. Nas unidades de Psiquiatría, en pleno século XXI, recórrese ás contencións mecánicas, vulnerando o dereito de todo ser humano a non sufrir torturas.
Tres realidades que existen e coexisten, e que atentan contra os dereitos fundamentais das persoas con problemas de saúde mental, que, doutra banda, non deixan de ser os do resto da poboación.
Por iso, e con motivo do Día Internacional dos Dereitos Humanos, a Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA lanza a campaña #DerechoaNuestrosDerechos para visibilizar as vulneracións dos dereitos humanos no ámbito da saúde mental e reivindicar a implantación de medidas e políticas que aseguren unha igualdade e o respecto real destes dereitos.
A campaña concéntrase en tres dos dereitos que se vulneran con máis frecuencia, recollidos nos artigos 3, 5 e 23 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos das Nacións Unidas, que fan referencia ao dereito á vida, dereito a non ser sometido a tortura e dereito ao traballo, respectivamente.
Irene Muñoz Escandell, asesora xurídica de SALUD MENTAL ESPAÑA, afirma que “para afrontar as vulneracións de dereitos en saúde mental temos que expornos unha pregunta esencial antes de explorar calquera posible solución: Como quero que me traten a min? Abracemos esa posibilidade. Vexámonos, por un momento, como esa persoa que cualificamos como `outra´. Así, poderemos chegar, como mínimo, a albiscar o que hai que facer e avanzar pola senda dos dereitos humanos”.
Pola súa banda, Nel González Zapico, presidente da Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA, lembra que unha de cada catro persoas ten, tivo ou terá algún problema de saúde mental ao longo da súa vida, segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), que ademais afirma que, para o ano 2030, os trastornos mentais serán a principal causa de discapacidade no mundo. “En SALUD MENTAL ESPAÑA cremos que hai que actuar con firmeza para que a previsión da OMS non chegue a cumprirse”, declara González Zapico, quen ademais expón a necesidade de cumprir cos compromisos adquiridos para o 2030 mediante os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), como factor esencial para o cumprimento dos dereitos humanos e fundamentais.
“A entidade que presido aposta por promover a saúde mental e o benestar, en liña do que dispón o ODS nº 3. Seguindo a nosa misión de mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental, desde a Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA traballamos para terminar cos prexuízos e estereotipos que tanto dano poden facer a este colectivo e que se reflicten na práctica a través de discriminacións de todo tipo”, conclúe o presidente da Confederación.
Esta campaña contou coa colaboración do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social.