“#Descubre. Non bloquees a túa saúde mental” é un programa de sensibilización e prevención sobre saúde mental e adiccións desenvolvido pola Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA e financiado polo Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.
Segundo a Organización Mundial da Saúde, a saúde mental é “un estado de benestar no que o individuo realiza as súas capacidades, supera a tensión normal da vida, traballa de forma produtiva e frutífera, e achega algo á súa comunidade”.
Resulta evidente que unha boa saúde mental debe cimentarse desde a infancia e a adolescencia. Por ese motivo, desde SALUD MENTAL ESPAÑA expúxose a necesidade de levar a cabo un programa integral en centros educativos para a prevención de problemas de saúde mental e de adiccións.
O obxectivo do programa #Descubre é ofrecer información actualizada, non nesgada e con perspectiva de xénero orientada á importancia da saúde mental, así como os factores de risco do consumo de drogas e a posible relación entre ambos. Ademais, preténdese concienciar sobre o importante papel que xogan os diferentes actores dentro do sistema educativo no desenvolvemento persoal dos menores.
Este proxecto tamén permite aprender a identificar os signos temperáns de problemas de saúde mental e consumo de tóxicos, dando a coñecer os diferentes recursos e dispositivos de apoio. Do mesmo xeito, axuda a minimizar as secuelas do estigma, difundindo unha imaxe realista e libre de estereotipos sobre os trastornos mentais e o consumo de drogas.
É necesario incidir en que o obxecto da prevención non se limita ao neno ou adolescente, senón que debe traballarse tamén a través da súa contorna e as súas relacións máis próximas. É por iso que se considerou prioritario traballar con tres figuras clave: o adolescente, o profesorado e, de forma indirecta, os seus familiares e/ou persoas achegadas.
#Descubre en Galicia
O ano pasado púxose en marcha este programa por primeira vez na nosa comunidade autónoma, recibindo unha gran acollida e unha valoración moi positiva por parte dos centros educativos onde levou a cabo.
Este ano, as delegacións e asociacións de FEAFES Galicia achegarán novamente aos institutos, información e material didáctico sobre saúde mental no marco do programa #Descubre. Varios centros educativos de ACoruña, Santiago, Ourense ou Lugo recibirán, os próximos meses, a profesionais e usuarios de FEAFES Galicia que realizarán accións de información, prevención e eliminación do estigma cos alumnos e demais axentes educativos.