Durante os meses de outubro e novembro, Saúde Mental FEAFES Galicia e a asociación DOA Saúde Mental tiveron a oportunidade de participar nunha formación sobre vídeo participativo financiada pola Fundación Barrié e impartida polos profesionais da axencia Gingko.
De entre as entidades inscritas no Programa Formativo II Nivel Avanzado, ofertado na convocatoria 2018-2019 do Programa Más Social Comunicación da Fundación Barrié, Saúde Mental FEAFES Galicia foi seleccionada para recibir esta segunda acción formativa, a cal se desenvolveu na asociación DOA.
O vídeo participativo é unha metodoloxía de traballo que pretende promover a participación social e o empoderamento de persoas en risco de exclusión. Neste caso, implicouse a un grupo de sete usuarios de DOA, a maioría deles pertencentes ao Comité en 1ª Persoa da asociación, no deseño e gravación dun proxecto audiovisual. Durante este proceso, exploraron a súa realidade, compartiron preocupacións e intereses e contaron as súas propias historias.
Ao longo de cinco sesións, os usuarios de DOA mergulláronse na linguaxe audiovisual, aprenderon a construír un relato, a darlle forma de vídeo e a executar a súa propia peza. Para iso, estiveron acompañados da formadora María Lobo, da axencia Gingko, e de tres facilitadoras pertencentes a Saúde Mental FEAFES Galicia e á asociación DOA.
Como resultado deste taller, os usuarios de DOA elaboraron dúas pezas audiovisuais: unha promo para as IV Xornadas Teatro é Saúde Mental, celebradas o pasado 22 de novembro en Cangas, e unha curta de terror que verá a luz proximamente.
Durante todo este proceso, os participantes convertéronse en axentes activos de comunicación, elaborado de forma autónoma os seus propios contidos e creando para iso un grupo de traballo no que cada quen tiña o seu papel. Unha vez rematada a formación, tanto as facilitadoras como os usuarios adquiriron unha serie de coñecementos e ferramentas que lles permitirán seguir aplicando esta metodoloxía nas actividades e dinámicas da asociación e da federación.