Skip to main content
Grazas ao programa operativo de emprego xuvenil, en Saúde Mental FEAFES Galicia tivemos a oportunidade de incorporar ao noso persoal a unha técnico administrativa que realizou funcións de xestión dentro do servizo de atención integral a persoas con enfermidade mental e as súas familias.
Cristina Ruiz estivo connosco desde o 12 de febreiro ata o 3 de xuño, tras substituír a Raquel Quintela que iniciou este programa o 4 de novembro de 2019. As súas tarefas realizáronse nas áreas de información e atención a persoas usuarias e asociacións, así como na xestión administrativa.
Durante este tempo, Cristina, e anteriormente Raquel, facilitaron información e atención telefónica e presencial sobre cuestións administrativas e sobre os servizos prestados pola entidade, ademais de realizar xestión documental e bases de datos, trámites administrativos, seguimento e mantemento dos servizos e das oficinas e xestión de comunicacións por correo electrónico. Tamén brindaron apoio nas presentacións e xustificacións técnicas e económicas de subvencións e participaron nos equipos de traballo da entidade.
Todo isto permitiulles adquirir coñecementos sobre o funcionamento e a xestión dos servizos e programas de Saúde Mental FEAFES Galicia, así como adquirir as habilidades sociais propias dun servizo de atención a este colectivo. Tamén obtiveron experiencia no traballo multidisciplinar e coordinado, no manexo de ferramentas informáticas, na xestión e control de documentación confidencial e na xestión económica e administrativa dunha entidade sen ánimo de lucro.

Programa operativo de emprego xuvenil

O Programa Operativo de Emprego Xuvenil, cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e a Unión Europea a través do Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, ten como obxectivo o fomento da contratación de persoas menores de 30 anos para favorecer a súa inserción no mercado laboral. 
Para logralo, esta convocatoria conta con tres programas, entre eles o programa de cooperación con entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional dos mozos e mozas rexistradas no sistema nacional de garantía xuvenil.
Neste sentido, ofrecéronse contratacións de sete meses de duración co obxecto de proporcionarlles ás persoas mozas unha experiencia profesional que facilite a súa inserción laboral. As contratacións foron realizadas por entidades sen ánimo de lucro con capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.