Un ano máis, as entidades que conformamos a Rede TIL (Rede de Técnicos de Inserción Laboral de Lugo), organizamos unha xornada para conmemorar o Día da Xustiza Social. O encontro, que retomou a presencialidade tras un ano en formato dixital a causa da pandemia, levou por título “Emprego digno, un dereito” e celebrouse o pasado venres 18 de febreiro no Vello Cárcere de Lugo.
A apertura da xornada correu a cargo de Olga Racamonde, Concelleira de Benestar do Concello de Lugo, e estivo moderada por Álex Núñez da Fundación Juan Soñador. Durante todo o encontro abordáronse varios temas vinculados ás relacións laborais, dende os dereitos das persoas traballadoras ata os modelos máis xustos de emprego que busca a reforma laboral.
A psicóloga madrileña Elena Fernández achegou ao público distintas parcelas emocionais que cómpre traballar coas persoas que están a buscar un traballo ou que mellorar a situación de emprego na que se atopan. Na súa intervención “Recursos emocionais para a procura de emprego: empatía e asertividade”, valorou tamén o traballo en rede e a busca de apoio na contorna para afrontar as situacións de busca ou mellora de traballo.
A continuación interviño Mónica López, do Colexio de Graduados Sociais de Lugo, que explicou o servizo de asesoramento e información sociolaboral para persoas con escasos recursos do que dispoñen en toda a provincia e que inclúe, tamén, asesoramento para empresas.
Finalmente, levouse a cabo unha mesa redonda sobre emprego digno na que participaron, ademais de Mónica López, representantes de diversos sindicatos: Antonio Niño de CIGA, Mar Pérez de UXT, e Maica Bouza CCOO. Nela, expuxéronse casos reais de vulneración de dereitos no eido laboral, recordando a importancia que ten coñecer os dereitos e os deberes que temos como traballadores e traballadores, así como os recursos dos que dispoñen os sindicatos para asesorar e axudar ao persoal traballador.