Segundo o censo da Consellería de Traballo e Benestar, en Galicia hai 41.533 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental. De todas elas, menos do 5% teñen un emprego estable, e case a metade deles asegura ter sufrido algún tipo de discriminación laboral. Por este motivo, loitar pola boa inserción laboral deste colectivo é unha necesidade que FEAFES Galicia quere transmitir a toda a sociedade.
O traballo non é só unha fonte de ingresos e de independencia económica, senón que tamén é un factor estabilizador e integrador que identifica ás persoas como cidadáns, como elementos activos da sociedade. Ó igual que lle sucede ó resto da sociedade, as persoas con trastornos mentais ven no emprego un camiño cara a normalización, pois trátase dunha fonte de identidade que ofrece sentimentos de utilidade e motivación. Ademais, neste caso, o traballo ten unha función terapéutica, substituíndo o rol de enfermo polo rol de traballador.
A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, aposta firmemente pola integración das persoas con enfermidade mental como un elemento normalizador, defendendo e demostrando a valía deste colectivo e as súas capacidades para integrarse plenamente na sociedade. Grazas á bolsa de emprego da entidade, no 2013 realizáronse 196 contratos de traballo ós que accederon 142 usuarios, un 6% do total de 2.287 persoas beneficiarias do servizo.
A provincia que acadou as maiores cifras de inserción laboral grazas a FEAFES Galicia foi A Coruña, onde 54 persoas asinaron 66 contratos laborais. En Pontevedra, foron 46 usuarios os que asinaron un total de 65 contratos, seguida de Lugo con 35 contratos e 21 persoas insertadas, e finalmente Ourense acadou 30 contratos para 21 persoas.
A experiencia de Luís, en primeira persoa
Luís está diagnosticado cunha enfermidade mental, e no ano 2011 comezou a facer prácticas nunha empresa de venda de produtos de segunda man grazas á xestión de FEAFES Galicia. Tres anos despois pode presumir de ser un traballador con contrato indefinido, algo que lle fai sentirse ben consigo mesmo. “Ter traballo axúdame a sentirme realizado, eu síntome integrado nun grupo, integrado na sociedade, teño independencia económica… é o derradeiro paso para a integración plena.”
Cando comezou a traballar, Luís tivo que adaptarse á metodoloxía e ós ritmos da empresa como calquera outro empregado. “A adaptación a un posto de traballo é cuestión de tempo, pero a relación cos compañeiros sempre foi estupenda e hai moi bo ambiente”. Das súas calidades como traballador destaca “que sei tratar coa xente, teño facilidade para vender o negocio”, e iso foi o que fixo que a empresa leve tres anos confiando nel.
“No meu futuro gustaríame seguir traballando, pois síntome integrado e valorado. Ter un traballo implica cumprir uns obxectivos, desempeñar as tarefas tal e como quere a empresa, e se o logras sentes que estás a ser útil para a sociedade”.