Skip to main content

Segundo o censo da Consellería de Traballo e Benestar, en Galicia hai máis de 41.500 persoas que padecen algunha enfermidade mental, sendo esta a segunda causa de discapacidade na nosa comunidade despois da física. Ademais, trátase da discapacidade que máis aumentou nos últimos anos, pasando de 19.900 persoas diagnosticadas no 2009 a 41.533 no 2014.

Cabe destacar tamén que estes datos no reflicten a incidencia real da enfermidade mental, pois trátase tan só das persoas que solicitaron o certificado de minusvalía por esta causa. Fora deste censo queda un número importante de persoas que teñen discapacidade por enfermidade mental pero non solicitaron o certificado de minusvalía, xeralmente por medo ós prexuízos sociais asociados a estes trastornos.

Non obstante, segundo un estudo realizado por FEAFES Galicia no 2013, estímase que entre o 2,5 e o 3% da poboación galega ten algún tipo de enfermidade mental, unha cifra alarmante que contrasta co pouco coñecemento que existe cara estas patoloxías. A enfermidade mental segue a ser tremendamente invisible, e isto tradúcese nun gran rexeitamento social cara este colectivo que xera importantes trabas na súa recuperación.

Paciente e familia, afectados por igual

A enfermidade mental é un trastorno altamente incapacitante para a persoa que a padece, mais tamén supón unha enorme carga para os seus achegados. “Cando aparece unha enfermidade mental, pérdese o ciclo vital da persoa, pois este rómpese e non se sabe cándo nin cómo vai arrincar de novo. Os coidadores tamén sofren un retraemento social porque o coidado da enfermidade mental implica unha gran dedicación” indica Xosé Ramón Girón, presidente de FEAFES Galicia.

Segundo a “Estratexia de Saúde Mental do Sistema Nacional de Saúde”, a prestación de atención á saúde mental realizada por coidadores informais supón o 88% do total da atención a este colectivo en España. Neste aspecto cobra unha gran importancia o traballo que realizan as asociacións de saúde mental federadas en FEAFES Galicia, pois axudan ó enfermo e á familia a asimilar a súa situación e a relacionarse co entorno. 

Un tobogán cara a exclusión social

Unha das realidades máis preocupantes en torno á discapacidade por enfermidade mental é a estreita vinculación que garda coa exclusión social. Ó longo dos últimos anos, FEAFES Galicia viu constatando que a porcentaxe de persoas en risco de exclusión social que padece unha enfermidade mental supera altamente a incidencia do resto da poboación, concretamente no caso de persoas sen teito, reclusos en centros penitenciarios e persoas que se atopan baixo tutelas públicas.

Actualmente, en torno ó 50% das persoas sen fogar sofren enfermidade mental e catro de cada dez requiren un tratamento psiquiátrico. Por falta de recursos, os Servizos de Saúde Mental non poden atender de xeito adecuado a este colectivo, que se atopa con numerosas dificultades para a súa curación como a imposibilidade de seguir a medicación. 

Por iso, FEAFES Galicia quere chamar a atención sobre a vital importancia dunha atención axeitada para este colectivo, a cal pasa por unha abordaxe completa da súa situación atendendo a todos os seus condicionantes e ós do seu entorno. FEAFES Galicia reclama a dotación de apoios e soportes que permitan facer fronte á plena realidade destas persoas; a detección precoz, a continuidade nos tratamentos e o apoio á autonomía dos pacientes son eixos nos que se debería traballar para mellorar esta situación. 

dia discapacidad.JPG