No marco do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, o presidente de EAPN Galicia, Antonio Hernández, en representación das 126 entidades que conforman a rede, CERMI Galicia e a Coordinadora Galega de ONGD, presentou os retos na loita contra a pobreza e a exclusión social no acto celebrado na sede da Valedora do Pobo, en Santiago de Compostela.
Ademais de persoas voluntarias e traballadoras das organizacións e da propia Valedora, neste acto estiveron presentes representantes dos catro grupos políticos do novo Parlamento, a presidenta do Consello Económico e Social de Galicia, responsables das areas de Emprego e Inclusión Social Xunta de Galicia e dos colexios profesionais de Psicoloxía e Traballo Social.
Ante o empobrecemento da sociedade galega
En Galicia segundo o informe específico de EAPN Galicia
“O Estado da pobreza en Galicia 2016”, os últimos datos oficiais son alarmantes: 702.000 persoas, o 25,7% da poboación malvivía no 2015 en risco de pobreza ou exclusión social, 106.000 persoas máis que no ano anterior.
Empeoran quen peor o están pasando. As persoas en pobreza severa (con ingresos inferiores a 332€ ao mes) xa son o 4.8% da poboación galega: 132.000 homes e mulleres. No 2014 era o 3,5%, 38.000 persoas máis nun ano.
Ter emprego xa non garante saír da pobreza. Mellora a baixa intensidade laboral dos fogares galegos: un 13,8% da poboación no 2015 cando o ano anterior era do 14,9%. Pero non é unha boa nova completa porque moitos dos novos empregos que se crean son precarios ou de baixa calidade. A pobreza laboral é un fenómeno crecente en toda España.
Unha pobreza e exclusión que se ensaña co 37,8% da nosa mocidade, o 27,6% dos nosos nenos e nenas ou coas familias monoparentais, nas que unha soa persoa (normalmente a nai) é a responsable dos fillos. Que por primeira vez aumenta nos nosos maiores: o 62,9 % das pensións galegas, a taxa mais elevada do estado están por debaixo do limiar da pobreza, o 80% se falamos das pensións de viuvez.
As persoas primeiro: Somos persoas, non expedientes
Antonio Hernández, presidente de EAPN Galicia, reafirmou “a necesidade de políticas de inclusión a longo prazo para erradicar a pobreza, lonxe de medidas urxentes e asistenciais que so palían as necesidades básicas a curto prazo”.
A Valedora do Pobo, Milagros Otero, clausurou a xornada achegando a súa visión como principal gardadora dos dereitos e liberdades das persoas residentes en Galicia, fronte as institucións públicas, recalcando o seu “compromiso na loita diaria, non só neste día pola erradicación da pobreza e polo recoñecemento de necesidades básicas como a alimentación como un dereito e non como un agasallo á cidadanía”.