Skip to main content

Con motivo do Día Internacional da Muller Rural, en Saúde Mental FEAFES Galicia poñemos o foco nas mulleres con problemas de saúde mental que viven no rural de Galicia.

O 15 de outubro conmemórase o Día Internacional da Muller Rural. Este día sinala os obstáculos que se atopan as mulleres que viven en zonas rurais. A falta de oportunidades para acceder e manter un emprego, as dificultades de acceso a recursos e servizos, a escasa presenza que teñen nos órganos de toma de decisións e a invisibilización, entre outros, dificultan o seu día a día.

Se ademais teñen algún problema de saúde mental, a situación empeora. Ás dificultades anteriores súmanselle os prexuízos sociais, a dificultade de acceso a servizos sanitarios, o illamento…

Para dar resposta a esta realidade, puxemos en marcha este ano o Programa de Apoio a Mulleres nos ámbitos Rural e Urbano.

Un achegamento ás mulleres rurais con problemas de saúde mental

Programa de Apoio a Mulleres nos ámbitos Rural e Urbano ten unha liña de actuación específica para mulleres con problemas de saúde mental que residen en concellos rurais de menos de 5.000 habitantes.

O obxectivo é  favorecer a súa integración social e laboral, potenciando así a súa autonomía e a consecución dunha vida plena. Para isto, realízanse actuacións personalizadas e individualizas. Ofrecémos información, orientación e asesoramento, formación, prácticas non laborais, prospección de empresas e intermediación laboral. Tamén achegamos recursos e servizos necesarios ás zonas rurais.

A través deste programa, beneficiáronse un total de 60 mulleres de toda a xeografía galega. O 100% das participantes recibiron formación en competencias dixitais e compentencias transversais e o 50% realizaron formacións en cualificiación e recualificación profesional. Ademais, fixemos intermediación e prospección laboral con máis de 80 empresas en Galicia para fomentar a contratación das mulleres rurais con problemas de saúde mental. E máis do 50% das participantes conseguiron un contrato laboral.

Os resultados amosan que, achegando os recursos necesarios, as posibilidades de inclusión social e laboral das mulleres con problemas de saúde mental que residen nas zonas rurais aumentan. Iniciativas como o Programa de Apoio a Mulleres no ámbito Rural e Urbano fomenta a autonomía e apoderamento destas mulleres. E apóiaas para que poidan acadar os seus obxectivos profesionais na súa propia contorna.