Skip to main content
Novas

Día Internacional das Persoas con Discapacidade

By 3 de Decembro de 2013Novembro 13th, 2022No Comments

Este ano, FEAFES Galicia adhírese ó manifesto do CERMI a propósito do Día Internacional das Persoas con Discapacidade 2013 que leva por lema “SOS Discapacidade. Dereitos, inclusión e benestar a salvo”. Velaquí algunhas das reivindicacións recollidas neste escrito:

As persoas con discapacidade e as nosas familias somos, estamos e contamos; e reclamamos agora con toda firmeza compartir como os demais un espazo social construído sobre bases diferentes. Un espazo social aberto a esta parte da diversidade humana, que a acolla e a respecte, e que permita liberar o enorme potencial que encerra”.  

NON MÁIS CAMBIOS PARA NÓS SEN NÓS.
NON MÁIS RECORTES.
NON MÁIS COPAGOS SOBRE AS XA RAQUÍTICAS PENSIÓNS.

Neste día tan importante para as Persoas con Discapacidade, temos a obriga de apelar ao mellor da nosa sociedade e dos nosos gobernantes para que os dereitos alcanzados non teñan retrocesos nestes tempos dunha crise económica aterradora, como nunca se viu, e que parece cebarse cos máis fráxiles, poñendo en risco ás  humildes cotas de inclusión e participación alcanzadas con tanto esforzo polas persoas con discapacidade e familias nestas últimas décadas.

Ao longo dos anos, as persoas con discapacidade e as súas familias fomos unha minoría discreta e illada, imperceptible para os poderes e autoridades, e para a sociedade. Fomos pacientes, e ata lentos, á hora de reclamar os nosos dereitos, violados en numerosas ocasións e en múltiples ámbitos. Non levantamos demasiado a voz para sinalar a evidencia de que a discapacidade é unha cuestión aínda non resolta, o que levou a pensar a algúns que ao non se oír berros, non había ningún problema. Pero ser pacientes non quere dicir en absoluto que sexamos pasivos, nin menos aínda submisos; ser discretos non significa que non existamos e que, polo tanto, non teñamos presenza e entidade social. Ser pausado non significa que toleremos a vulneración dos nosos dereitos e consintamos retrocesos. (…)

Neste Día Internacional da Discapacidade, FEAFES Galicia quere alzar a voz a favor das persoas con enfermidade mental e reivindicar a súa valía, así como declarar unha vez máis a nosa loita manifesta contra o estigma que sofre este colectivo. A proposta de reforma do Código Penal, xa aprobada polo Goberno e que se atopa actualmente en trámite parlamentario, arremete unha vez máis contra os nosos dereitos e dificulta a rehabilitación das persoas con enfermidade mental. 

O noso colectivo non precisa que se nos vixíe, senón que nos faciliten apoios, dispositivos e intervencións axeitadas. Non precisamos medidas correctivas, senón recursos e servizos de carácter preventivo. Non somos agresivos nin perigosos, como se nos define no texto da reforma do Código Penal, senón que somos as primeiras vítimas da nosa enfermidade e sufrimos na nosa pel as consecuencias dun trastorno para o que non hai suficientes recursos. As máis de 41.000 persoas con enfermidade mental de Galicia reivindicamos, no día de hoxe, un trato axeitado e unha atención acorde ás nosas necesidades.”

diadiscapacidad.jpg