Skip to main content

O Día Internacional do Voluntariado, que ten lugar cada ano o 5 de decembro, celebra a participación de aquelas persoas que contribúen de forma altruísta a cambiar a nosa sociedade a mellor. Por iso, nesta data queremos recoñecer o compromiso de todos os nosos voluntarios e alabar ás moitas persoas que prestan este servizo sen esperar recompensa algunha.

FEAFES Galicia conta con 14 voluntarios que realizan tarefas de acompañamento e dinamización de persoas con enfermidade mental en actividades de ocio e tempo libre organizadas para eles. Participando nestas saídas, os voluntarios non só se enriquecen do contacto con estas persoas, senón que tamén axudan a desfacer os falsos prexuízos que ten a cidadanía cara o colectivo.

As persoas con enfermidade mental cargan con grandes lacras na súa vida diaria, entre as que se atopan unha concepción negativa e estigmatizada por parte da sociedade e grandes dificultades na súa inserción social e laboral. As actividades para o goce do tempo libre de FEAFES Galicia que contan coa colaboración de voluntarios, permiten mellorar a calidade de vida destes individuos e facilitan a súa plena integración social, ademais de permitir que se beneficien do contacto humano con persoas que deciden compartir o seu tempo con eles.

Este 5 de decembro queremos aproveitar para dar as grazas ós nosos voluntarios por poñer o seu grao de arena na recuperación das persoas con enfermidade mental e por tenderlles unha man no seu camiño cara a plena inclusión social.

CaminoSantiagoDia2 013.jpg