Skip to main content

O Día Mundial da Saúde Mental 2024 pon o foco no coidado da saúde mental nos entornos laborais.

 

Como cada ano, o 10 de outubro conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, celebración que conta co apoio da Organización Mundial da Saúde (OMS). Este ano, a temática céntrase na importancia de coidar a saúde mental no entorno laboral.

Segundo a Organización Internacional do Traballo, ter un emprego decente significa poder acceder a un ingreso xusto e á seguridade no lugar de traballo. Tamén obter mellores perspectivas de desenvolvemento persoal e de integración social, liberdade para expresar opinións e participar na toma de decisións, e igualdade de oportunidades e de trato. Por iso, o entorno laboral inflúe, e moito, na saúde mental das persoas.

Sen embargo, segundo o Ministerio de Traballo e Economía Social, o 47% das persoas ocupadas sinalan atoparse expostas a factores de risco para a súa saúde mental no traballo. Ademais, as baixas laborais relacionadas coa saúde mental aumentaron considerablemente nos últimos anos. No 2023 rexistráronse en España case 600.000 baixas por este motivo, un 16% máis que no ano anterior.

En relación a isto, o estigma segue sendo unha realidade no entorno laboral. A metade das persoas traballadoras que deixaron de ir ao traballo por un problema de saúde mental agocharon o motivo real da súa ausencia. E na outra cara da moeda, o 60% das persoas traballadoras que pasou por un problema de saúde mental, non deixou de ir ao traballo.

 

 

 

Necesitamos contornas laborais saudables

Son moitos os aspectos que poden afectar negativamente á saúde mental no traballo. Entre eles, hai que destacar a precariedade laboral. Os baixos salarios, os contratos temporais, a falta de conciliación, a sobrecarga de traballo, o acoso laboral ou a fenda salarial, contribúen ao malestar e deterioro da saúde mental das persoas traballadoras.

Promover o benestar emocional nas empresas reduce o absentismo laboral, favorece o compromiso, a productividade e o rendemento do persoal. Con todo, a pesar de que o 76% das empresas afirma preocuparse pola saúde mental, a cifra descende ao 47% cando se lle pregunta ao persoal sobre este compromiso. E, se responden as persoas con problemas de saúde mental, a cifra descende ata o 38%.

Por isto, a propósito do Día Mundial da Saúde Mental, Saúde Mental FEAFES Galicia insta ás empresas a que se impliquen na creación de entornos laborais seguros, saudables e inclusivos. Entornos nos que se coide e se fale de saúde mental sen tabús nin prexuízos. Así mesmo, pídese á Administación Pública que impulse medidas contra a precariedade laboral e o control de riscos psicosociais no eido empresarial.

A inserción laboral, fundamental para as persoas con problemas de saúde mental

Para as persoas con problemas de saúde mental, o traballo, ademais de ser un camiño cara a normalización e a integración, ten unha función terapéutica, xa que despraza o rol de “persoa enferma” polo de “persoa traballadora”.

Segundo o INE, a taxa de emprego das persoas con problemas de saúde mental é do 17’55%, a máis baixa de todas as discapacidades. Segundo a experiencia da nosa entidade, un problema de saúde mental non ten por que ser un impedimento para obter un emprego. Na maioría dos casos, as persoas con problemas de saúde mental non só son capaces de traballar, senón que acaban sorprendendo ao empresariado pola súa dedicación, motivación e calidade de traballo.

En Saúde Mental FEAFES Galicia levamos máis de 20 anos desenvolvendo o Servizo de Formación e Emprego para persoas demandantes de emprego con problemas de saúde mental, benificiándose del máis de 7.000 persoas e demostrando que, cando hai un servizo especializado detrás, a inserción laboral do colectivo pode ascender ata o 62%, cifra acadada pola nosa entidade no 2023.

Para dar a coñecer este servizo, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental 2024, lanzamos un vídeo que amosa como se traballa de xeito personalizado, integral e especializado para conectar ás empresas coas persoas demandantes de emprego con problemas de saúde mental, eliminando as barreiras que atopan no seu acceso ao mercado laboral e favorecendo o mantemento do posto de traballo.