Hoxe, 10 de outubro de 2018, conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, celebración que conta co apoio da Organización Mundial da Saúde e a participación de numerosas persoas e entidades de Galicia e de todo o mundo. Este ano, a conmemoración xira en torno á mocidade e a saúde mental, considerando que se trata dun asunto de gran relevancia de cara á prevención, á pronta abordaxe dos problemas de saúde mental e á sensibilización acerca desta realidade.
Baixo o lema “Educación inclusiva, saúde mental positiva”, queremos reivindicar unha educación que aposte polos valores, que traballe a diversidade e a inclusión e que teña en conta os retos dunha sociedade que cambia a gran velocidade, para conseguir así unha saúde mental máis positiva nas xeracións futuras.
Os datos revelan que entre o 10 e o 20% dos nenos, nenas e adolescentes teñen problemas de saúde mental. A metade das enfermidades mentais presentan síntomas antes dos 14 anos, e tres cuartos delas comezan antes dos 24. Neste contexto, o sector educativo xoga un papel fundamental, enfrontándose ao reto de crear un ambiente escolar onde os mozos e mozas se sintan cómodos, respectados e integrados.
Para previr os trastornos mentais a idades temperás, é importante involucrar ás familias e ás institucións educativas na etapa de prevención, posto que a escola é un dos lugares onde os adolescentes pasan gran parte do seu tempo relacionándose cos seus iguais. Unha educación inclusiva potencia as habilidades de cada neno e nena, facilita a participación de todo o alumnado, loita contra a exclusión e permite a todos os mozos e mozas acceder a unha aprendizaxe de calidade.
Por tanto, aproveitamos a conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental para reivindicar a urxente necesidade de que a saúde mental dos mozos e mozas estea na axenda política, coa fin de reverter a advertencia da OMS que indica que os trastornos mentais serán a primeira causa de discapacidade en 2030.
É necesario desenvolver técnicas de detección temperá e intervención precoz para previr os problemas de saúde mental, para o cal é preciso o investimento de recursos humanos e financeiros. Ademais, unha prevención efectiva require vínculos intersectoriais, polo que debe integrar nun enfoque de política pública aos diferentes sectores implicados. Os trastornos mentais teñen múltiples determinantes, polo que a prevención precisa ser un esforzo de moitas ramificacións.
Desde aquí, queremos convidar á cidadanía a participar nas actividades coas que conmemoraremos o Día Mundial da Saúde Mental nas diversas localidades galegas a través da campaña “Mocidade saudable”, co ánimo de tomar conciencia acerca da necesidade de coidar a saúde mental dos mozos e mozas, apostar pola prevención e loitar por unha educación inclusiva que permita a todos os rapaces e rapazas crecer saudablemente.
