Skip to main content

Saúde Mental FEAFES Galicia reivindica, no Día Mundial da Saúde Mental, o traballo na mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias. E conmemorará esta data coa inauguración da súa nova sede en Compostela

Hoxe conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, unha data na que alzar a voz pola defensa dos dereitos das persoas con problemas de saúde mental, reivindicando unha mellor atención as súas necesidades e unha integración plena e normalizada na sociedade.

Con este propósito, Saúde Mental FEAFES Galicia leva 28 anos traballando na mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, logrando poñer en marcha múltiples dispositivos, proxectos e recursos que dan respota ás necesidades que tiña o colectivo e que non estaban cubertas.

Actualmente, a federación congrega 12 asociacións que teñen presenza en máis de 30 localidades galegas, atendendo a unha poboación diana de 68.000 persoas e logrando, ó longo da súa traxectoria, dar resposta ás necesidades de máis de 10.000 persoas con problemas de saúde mental e familiares.

Partindo de cero: décadas de traballo pola saúde mental

Nun día coma hoxe, no que se reivindica o traballo por unha atención digna e en defensa dos dereitos das persoas con problemas de saúde mental; queremos falar tamén do camiño que leva percorrido Saúde Mental FEAFES Galicia.

Dende o seu nacemento en 1995, o movemento asociativo logrou ofrecer apoio e atender a máis de 10.000 persoas con problemas de saúde mental, familiares e persoas achegadas.

Antes de que existisen as asociacións de saúde mental, as persoas que tiñan un diagnóstico psiquiátrico carecían dunha atención específica. “As familias sempre foron o principal apoio das persoas con algún tipo de trastorno mental”, afirma Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia. “Ser conscientes disto, fíxonos organizarnos para conseguir que as persoas que viven cun problema de saúde mental, poidan ter unha vida normalizada”. Así, o gran logro do movemento asociativo foi abrir portas que estaban pechadas e crear recursos de apoio que no seu momento resultaban impensables.

“A situación de partida cando xurde un problema deste tipo nunha familia, non cambiou moito nos últimos 30 anos”, asegura Girón. As familias atópanse normalmente nunha situación de incertidume e certo desamparo.

Por iso, ó longo deste tempo, aportóuselle ó colectivo escoita, apoio mutuo e a perspectiva dun futuro máis digno. Demostrando que cos apoios necesarios, a situación das persoas con problemas de saúde mental mellora radicalmente.

 

Actualmente, en Saúde Mental FEAFES Galicia, ofrecemos unha atención integral e personalizada. Atendemos todas as facetas da persoa e adaptamos a intervención a cada casuística particular.

Así mesmo, logrouse camiñar cara unha percepcción social máis normalizada, rompendo estereotipos e ideas erróneas sobre as persoas con problemas de saúde mental.

En conclusión, nestos case 30 anos “conseguimos muchísimas cosas“, afirma Xosé Ramón Girón, “logramos ser un soporte eficaz para moitísimas persoas“.

Nova sede en Santiago

Finalmente, o traballo sostido e potenciado ó longo do tempo deu resultado. Este ano inauguramos unha nova sede en Santiago de Compostela. O venres 13 ás 12h terá lugar un acto en Rúa Manuel Ceruelo, nº 5A-5ºB, baixo. Constará dunha visita polas instalacións, un acto institucional e un aperitivo posterio.

O evento contará coa presenza de D.Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia; D. Julio García Comesaña, Conselleiro de Sanidade; Dna. Begoña Abeijón, Directora Xeral de Persoas con discapacidade; e Dna. Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago. Intervirán tamén Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia; e Manuel López, membro do Comité en Primeira Persoa de Galicia, en representación das personas usuarias.

 

Coa colaboración de: