Skip to main content
O 10 de outubro celébrase o Día Mundial da Saúde Mental, conmemoración que pretende sensibilizar e informar sobre a importancia do coidado da saúde mental e a defensa dos dereitos das persoas que teñen algún problema desta índole. Este ano, o tema elixido a nivel mundial para esta conmemoración é a saúde mental nun mundo desigual, chamando a atención sobre aqueles factores que impiden que o coidado da saúde mental poida chegar a todas as persoas en igualdade de condicións. 
Neste senso, dende Saúde Mental FEAFES Galicia queremos poñer o foco sobre unha realidade moi palpable no noso territorio que se puxo de especial manifesto coa irrupción da COVID-19: a dificultade de acceso aos recursos de saúde mental que sofren as persoas que viven nas contornas rurais
En Galicia, máis do 60% dos concellos teñen menos de 10.000 habitantes, e 119 deles contan con menos de 2.000 habitantes. Isto sitúanos como unha comunidade cunha gran dispersión xeográfica e un importante illamento poboacional, dificultado por tanto o acceso a certos recursos especializados por parte de moitas persoas.
No caso da saúde mental, a poboación que vive no rural ten menos posibilidades de recibir axuda ou acudir a servizos especializados, xa sexan de carácter sanitario ou social, debido á escaseza ou inexistencia dos mesmos nas súas contornas. Existe un problema de acceso e transporte, que ás veces esixe costearse transportes privados que non están ao alcance de todo o mundo.
Por outra banda, hai un gran descoñecemento por parte das familias e persoas achegadas sobre as propias enfermidades mentais, o que leva moitas veces a unha inacción na busca de axuda sanitaria ou social e, consecuentemente, ao illamento destas persoas. A isto hai que engadir o enorme estigma que existe cara os problemas de saúde mental, cun especial peso nas localidades pequenas onde o medo ao rexeitamento cobra, se cadra, un maior protagonismo.
Todos estes factores provocan que a maior parte da poboación con problemas de saúde mental que vive no rural estea desatendida, agravando así a súa patoloxía, provocando o seu illamento, limitando a súa participación social, e favorecendo posibles situacións de tensión e estrés na contorna familiar derivados da enorme carga que implican as tarefas de coidados. 

Respondendo a esta realidade: un programa de apoio comunitario no rural

Para abordar esta situación, Saúde Mental FEAFES Galicia conta cun programa de acompañamento comunitario e atención no rural, financiado polas Consellerías de Política Social e Sanidade, que pretende achegar servizos de atención á saúde mental a aquelas zonas con especiais dificultade de acceso. Búscase, deste xeito, evitar o illamento persoal e social das persoas con problemas de saúde mental, fomentar a súa inclusión e participación na sociedade, e previr situacións de dependencia. 
Para iso, unha serie de equipos profesionais desprázanse aos domicilios e espazos de convivencia das persoas con problemas de saúde mental que viven no rural, permitindo así que os apoios se ofrezan na contorna habitual destas persoas. Realízase, ademais, un acompañamento social nos casos nos que é preciso, así como accións de promoción da saúde mental comunitaria. 
As asociacións que desenvolven este programa, grazas ao cal se benefician cada ano arredor de 130 persoas, son Avelaíña (nas zonas de Ponteareas e A Cañiza), Alume (na montaña lucense), Fonte da Virxe (na contorna rural de Compostela), Andaina (en Ordes e Oroso), Doa (en Mos e O Porriño) e A Mariña (na mariña lucense). 

Un dereito necesario: mañá podes ser ti

Máis alá da problemática do acceso á saúde mental no rural, o movemento asociativo FEAFES a nivel estatal lanzou a campaña “A saúde mental, un dereito necesario: mañá podes ser ti”. O seu obxectivo,  aliñado coa temática mundial desta conmemoración, é denunciar as desigualdades que existen ao redor da saúde mental e que poden ocorrer por diversos motivos (económicos, por idade, por xénero, por educación ou por lugar xeográfico), así como reivindicar a importancia de que a atención á saúde mental sexa igual para todas as persoas. Ademais, o lema pretende concienciar sobre o feito de que a saúde mental afecta a todo o mundo e que, por iso, todos e todas debemos coidala.