FEAFES Galicia quere aproveitar o Día Mundial da Saúde para poñer de manifesto a utilidade social e sanitaria da rede de servizos xestionada polo movemento asociativo, concretamente no tocante ó modelo de atención comunitaria e a súa repercusión positiva na saúde dos usuarios e familiares.
Dende a década dos oitenta, as asociacións que hoxe conforman FEAFES Galicia desenvolven un programa de atención comunitaria a persoas con enfermidade mental en todo o territorio galego. Para elo, a Federación conta hoxe en día con Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral para enfermos crónicos, residencias, pisos protexidos, vivendas de transición e outros programas como atención a domicilio ou información e asesoramento.
Esta atención reporta grandes beneficios tanto ós enfermos mentais como ás súas familias, pois permite diminuír os índices de recaída, ten un impacto positivo na vida cotiá do enfermo e facilita un maior cumprimento do tratamento estándar do usuario. Ademais, grazas ó servizo de atención comunitaria de FEAFES Galicia, diminúen as cargas asistenciais que recaen sobre a sociedade (especialmente sobre a familia) e o número de estancias hospitalarias.
A Organización Mundial da Saúde, OMS, estima que entre o 2’5 e 3% da poboación sofre algún tipo de trastorno mental. Se aplicamos esta porcentaxe á poboación adulta censada en Galicia a principios do ano 2013, o número de galegos afectados por algún tipo de trastorno mental estaría entre o 69.087 e o 82.905. As accións relacionadas coa atención comunitaria en Galicia grazas á rede de recursos de FEAFES son fundamentais neste senso, xa que repercuten positivamente na mellora da saúde destas persoas e na calidade de vida tanto delas como dos seus familiares, pois trátase dun modelo de atención digno e eficaz.
Por outra banda, FEAFES Galicia quere facer un chamamento á necesidade de contar cuns servizos públicos de calidade en materia de saúde mental que cubran as necesidades reais de atención a este colectivo. Non queremos que a crise repercuta negativamente na atención sanitaria ás persoas con enfermidade mental xa que o dereito a recibir unha atención médica digna é un dereito compartido por todos os cidadáns.
FEAFES Galicia advirte que o recorte en programas de acompañamento e integración provoca non só un grave problema para miles de persoas, senón tamén un aumento no gasto farmacéutico e os ingresos hospitalarios. Neste Día Mundial da Saúde, o movemento asociativo de familiares e persoas con enfermidade mental recorda que non está disposto a renunciar ó dereito de recibir unha asistencia axeitada, tanto social como sanitaria.