Skip to main content
Hoxe, 7 de abril, conmemórase o Día Mundial da Saúde, para o cal a OMS pide aos líderes mundiais que se comprometan a adoptar medidas concretas para promover a saúde de todas as persoas. A cobertura sanitaria universal (CSU) lógrase cando existe unha firme determinación política. Isto significa garantir que todas as persoas, en calquera lugar, poidan ter acceso a servizos de saúde esenciais e de calidade sen ter que pasar apuros económicos. 
Para que os servizos de saúde sexan verdadeiramente universais, é necesario pasar duns sistemas de saúde concibidos ao redor das enfermidades e as institucións, a uns sistemas de saúde concibidos ao redor das persoas e para elas. Nos últimos decenios, a CSU xurdiu como unha estratexia crave para avanzar cara á consecución doutros obxectivos máis amplos relacionados coa saúde e co desenvolvemento.
Lembremos que a saúde mental é parte integral da saúde; tanto é así que non hai saúde sen saúde mental. Por iso, debemos lembrar aos poderes políticos que teñan en conta a promoción da saúde mental dentro das políticas e os plans xerais de saúde.
Ademais, as políticas nacionais de saúde mental non deben ocuparse unicamente dos trastornos mentais, senón recoñecer e abordar cuestións máis amplas que fomenten a saúde mental como a incorporación da promoción da saúde mental ás políticas e programas dos sectores gobernamental e non gobernamental. 
Ademais do sector da saúde, é esencial a participación dos sectores da educación, o traballo, a xustiza, o transporte, o medio ambiente, a vivenda ou a asistencia social, posto que a promoción da saúde mental depende en gran medida de estratexias intersectoriais.

A cobertura da saúde mental en Galicia

Os problemas de saúde mental son trastornos que requiren unha determinada continuidade na atención, e actualmente os servizos médicos non poden ofrecela polo baixo ratio de profesionais de psiquiatría que hai en relación aos pacientes desa área.  
Segundo o estudo “Informe sobre a situación da exclusión social das persoas con discapacidade por enfermidade mental en Galicia” elaborado por FEAFES Galicia no ano 2013, en Galicia recibe algún tipo de atención socio-sanitaria (na maioría dos casos de carácter moi básico) entre o 12 e o 14% do total de persoas que se estima que teñen problemas de saúde mental, e só entre o 5 e o 6% deles reciben algún servizo de media ou alta intensidade.
Doutra banda, os apoios sociais ás familias e persoas con problemas de saúde mental son aínda moi escasos, pois baixo o prexuízo de que a enfermidade mental é un problema unicamente de saúde, a súa atención e a creación de dispositivos non se abordou dende unha óptica social ata hai pouco, o cal supuxo un gran atraso á hora de implementar políticas integrais de atención ao colectivo.