Skip to main content
Fai catro anos, Carlos Morales puxo en marcha un proxecto baixo o nome Fear of Missing Out, onde pretendía dar a coñecer os problemas de saúde mental en primeira persoa partindo dun disco como proposta inicial. A partir de aí, a iniciativa tomou vida propia e acabou derivando en Disorders, un proxecto artístico multicisciplinar no que participaron múltiples persoas con problemas de saúde mental de todo o mundo.
Disordes é moito máis que un disco: é un proxecto colaborativo inspirado pola saúde mental”, indica Carlos Morales, o nome detrás de Fear of Missing Out. Cada unha das cancións que compoñen o disco está inspirada nun trastorno mental, un tema tabú que este disco pretende sacar á luz con normalidade, respecto, empatía e agarimo. Trátase, pois, dunha iniciativa que quere achegar un grao de area na loita contra o estigma que pesa sobre os problemas de saúde mental. 
O punto de partida de Disorders é un disco de metal progresivo/ambiental composto polo propio Carlos Morales que conta, ademais, coa colaboración de músicos doutras bandas como Quaoar, Stoned at Pompeii ou Sweet Death. As letras do disco están escritas por persoas que coñecen de primeira man os problemas de saúde mental e que se prestaron a colaborar co proxecto. 
Carlos Morales contactou con xente de todo o mundo que conviviu con algún trastorno mental, ben en primeira persoa ou ben na pel de alguén próximo. Deste xeito, plasmaron a súa experiencia en letras que falan sen rodeos sobre depresión, esquizofrenia ou trastorno  bipolar, entre outros. “A experiencia de recompilar todas as letras foi indescritible”, asegura Morales.
Saúde Mental FEAFES Galicia colabora con esta iniciativa a través da participación de varios usuarios das súas asociacións que ilustraron algunhas das cancións que forman parte do libreto e a portada do disco. 
Ademais, a pasada semana púxose en marcha unha campaña de crowdfunding coa fin de dar visibilidade ao proxecto e recadar fondos para o movemento asociativo de saúde mental en Galicia. As persoas que fagan as súas doazóns na devandita campaña poderán recibir a cambio diversas “recompensas”, moitas delas elaboradas por persoas usuarias das asociacións de  Saúde Mental FEAFES Galicia.

Fear Of  Missing Out

Carlos Morales Pereira dedícase profesionalmente á programación web, pero a música é a súa paixón. Fear Of  Missing Out, o proxecto no que se enmarca Disorders, é unha proposta na que leva traballando moito tempo e na que se encargou de compoñer, contactar cos letristas, gravar guitarras, teclados, voces, etc.
Na batería contou con Héctor Agulla (Loiros) e no baixo con Antón F. “Piru” (Stoned at Pompeii, Mooncresta). Ademais, no disco participaron Aitor “Malamute” Zorriketa (Quaoar, James Room & Weird Antiqua), Xela Rivera (Sweet Death) e Víctor Castro.