O III Torneo de Fútbol Sala “A Nosa Champions” xogouse o pasado martes na Estrada. Contou coa participación das asociacións Doa, Alba, Lenda, Alume, A Creba e Avelaíña.
O martes 23 de xuño ás 9h30, comezaban a chegar ao Coto Ferreiro os equipos participantes do III Torneo “A Nosa Champions” deste 2026. Na xornada participaron os equipos das asociacións Lenda, Alume, A Creba, Alba, Avelaíña e Doa.
Este torneo, forma parte da liga por concentracións que Saúde Mental FEAFES Galicia realiza coa colaboración da Real Federación Galega de Fútbol Sala e co patrocinio de Saunier Duval.
Lenda quedou ás portas do primeiro posto
Ás 10h comezaba a fase de grupos na que todos os equipos se enfrontaron entre si. A continuación, ás 12h, tiveron lugar as semifinais. Na primeira enfrontáronse os equipos de Alba e Lenda, onde Lenda se fixo co acceso á final. E por outra banda, xogaron Doa e Alume, resultando gañador o equipo de Doa.
A 13h comezaba a gran final entre os equipos de Lenda e Doa, que se pechaba cun 2-4 a favor do equipo de Doa, que resultou así gañadora deste III Torneo de Fútbol Sala “A Nosa Champions”.
Tras o encontro, Iván Pico, membro da dirección deportiva da Real Federación Galega de Fútbol; Xosé Ramón Girón, membro da Xunta Directiva de Saúde Mental FEAFES Galcia; Silvia Cancela, representante da Real Federación Galega de Fútbol; e Amalia Goldar, alcaldesa en funcións do Concello da Estrada; fixeron entrega das medallas a todos os equipos participantes.
Pola súa parte, Ramón Negrete, director rexional; e Marcos Ordoñez, representante do noso patrocinador Saunier Duval; entregaron unhas camisetas conmemorativas deste torneo a todos os participantes.
A continuación entregáronse os trofeos de subcampión e campeón aos equipos de Lenda e Doa. Finalmente, despois dunha intensa mañá de deporte, os equipos participantes compartiron un xantar de confraternización.
Pasada esta estupenda xornada, soamente nos queda agradecer a asistencia e bo xogo de todas as asociacións participantes e tamén ao concello da Estrada pola súa colaboración con este evento. Queremos agradecer especialmente á Real Federación Galega de Fútbol o impulso desta iniciativa tan beneficiosa para as nosas persoas usuarias e, ao patrocinador Saunier Duval, a súa colaboración para facer posible que un ano máis poidamos seguir disfrutando de “A Nosa Champions”. Vémonos no seguinte!
Un evento integrador e normalizador
Este torneo, organizado polo servizo de Ocio e Deportes de Saúde Mental FEAFES Galicia, ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofren. A través desta iniciativa, Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións amosan á sociedade unha imaxe normalizada das persoas con problemas de saúde mental, loitando de modo activo contra os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a elas.
As actividades organizadas polo servizo de Ocio e Deportes axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidados.

Coa colaboración de:
















