Skip to main content

Este mes de xaneiro comezan os ensaios clínicos dun videoxogo para o tratamento de pacientes con enfermidades psiquiátricas, un proxecto ideado por médicos do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense no que participarán catro hospitais galegos (Coruña, Ourense, Vigo e Santiago). Tras o éxito acadado no proxecto piloto, está previsto que proximamente se implante de xeito gratuíto en todos os hospitais de día do SERGAS.

Por outra banda, as asociacións Doa e Morea serán as dúas entidades de pacientes que probarán este videoxogo fóra dos hospitais, posto que un dos obxectivos do proxecto é que os pacientes se familiaricen co xogo para que despois poidan traballar con el dende casa. Por parte de Doa, participarán dous usuarios en Vigo e cinco en Cangas, e por parte de Morea o ensaio clínico realizarase cun número semellante de usuarios.

O proxecto arrincou no CHUO no ano 2009 e buscaba a mellora dos pacientes con trastornos mentais graves e vítimas de accidentes de tráfico que sufriran traumatismos cranioencefálicos. Os profesionais que traballaban nesta proposta atoparon o xeito de ensinar ós pacientes a rehabilitar as súas emocións e a mellorar a súa cognición social a través dun programa informático e un filme de debuxos animados. 

O obxectivo deste ensaio clínico en pacientes e usuarios de saúde mental é avaliar a eficacia deste programa á hora de mellorar o recoñecemento de emocións básicas, a intelixencia emocional e a competencia social. O videoxogo funciona a través dun recoñecemento de expresións en distintas caras para identificar emocións e interpretar o sentido do que se quere dicir. Inclúense insinuacións de ironía e trabállase para aprender a axustar a nosa conduta ao que pensan os demais.

Nunha segunda fase do proxecto, visionarase unha curtametraxe interactiva de debuxos animados na que os usuarios analizarán distintas emocións e condutas das personaxes en relación ás situacións que as provocan.

videoxogo ourense.jpg