Os usuarios da asociación Doa queren amosar a todo o mundo as súas dotes artísticas e para iso decidiron sacar á luz as súas obras. Durante o venres 27 e o sábado 28 de febreiro, unha mostra dos seus traballos será exhibida no Espazo de Arte do Centro Comercial Camelias (Vigo), unha zona que se configura como un espazo cultural aberto e próximo ós clientes que visitan as instalacións comerciais.
Nesta exposición, que se poderá visitar de 10:00 a 14:00 (só o sábado) e de 17:00 a 21:00 (venres e sábado), haberá cadros realizados mediante diversas técnicas entre as que se atopan óleos, acrílicos, gravados e serigrafías. Ademais, poderemos ver outras representacións artísticas como esculturas e collages, dando conta deste modo da diversidade de técnicas que dominan os usuarios de Doa.
Durante o horario de exposición, no Espazo Arte Camelia haberá unha persoa da asociación que recibirá ós visitantes interesados en coñecer a mostra. Todas as obras que se exhibirán foron realizadas nos talleres artísticos de Doa, onde se fomenta a creatividade e o traballo manual dos usuarios mediante o emprego de distintas técnicas e materiais.
Para máis información, podedes visitar a web de Doa.