O premio Jóvenes y Psicosis pretende impulsar aqueles proxectos que teñan en conta as necesidades das persoas con psicose e os seus coidadores como punto de partida de calquera iniciativa, así como recoñecer e visibilizar a aqueles axentes sociais e profesionais que contribúen a mellorar a saúde, calidade de vida e recuperación das persoas novas con psicose así como a dos seus familiares.
A asociación Doa está moi interesada en sacar adiante un programa novidoso en colaboración co Sergas para a atención a mozos con problemas de saúde mental, o cal foi presentado ao premio Jóvenes y Psicosis. Para apoiar a súa candidatura, podes votar a través deste enlace e compartilo con todos os teus amigos.
Intervención precoz en psicose, a aposta de Doa
O programa deseñouse para a súa aplicación nun contexto individual, aínda que se complementará con intervencións grupais. O tratamento terá unha duración aproximada dun ano, variando en función das circunstancias de cada usuario. Parte dunha consulta inicial da persoa e a súa familia cun psiquiatra do Servizo Galego de Saúde (Sergas), que iniciará a derivación e será o seu psiquiatra de referencia.
A intervención constará de catro fases: a fase de acollida, tanto no domicilio de referencia da persoa como no seu centro educativo (de ser o caso) e nas instalacións da asociación; a fase de avaliación, onde se detectarán as alteracións e as capacidades preservadas da persoa, elaborando un proxecto individualizado de atención precoz; a fase de intervención terapéutica, desde as perspectivas psiquiátricas, neuropsicolóxica, cognitivo- condutual e educativa; e a fase de seguimento, onde haberá sesións individuais puntuais para reforzar logros naqueles casos nos que se considere oportuno.