Skip to main content

A Asociación de Axuda a Persoas con Enfermidade Mental DOA constituíuse en Vigo en 1987 como colectivo de familiares e simpatizantes que trataban de unificar recursos e intereses arredor da saúde mental. Entre os obxectivos desta entidade, atópase o de modificar o concepto negativo que se ten das enfermidades mentais loitando activamente contra o estigma. 

Con motivo da celebración do Día Mundial da Saúde Mental, que ten lugar o 10 de outubro, a asociación Doa organiza cada ano unha serie de actos encamiñados a aumentar a súa presenza na sociedade. Un dos obxectivos que persegue con estes eventos é amosar unha imaxe normalizada da enfermidade mental, ensinando, por exemplo, as creacións artísticas que realizan os usuarios nos seus centros. Ademais, tamén pretende mellorar a información que ten a poboación sobre temas de saúde mental realizando charlas, mesas redondas, mesas informativas, etc. 

O programa de actividades organizado por Doa para o Día Mundial da Saúde Mental deste ano ten o seu pistoletazo de saída o venres 3 de outubro coa inauguración da mostra “Paniko 5.0: a arte do cotián”, que terá lugar ás 18:00 na Capela do Hospital (Alameda Nova, Cangas). Trátase dunha exposición colectiva de obra escultórica levada a cabo polos usuarios do Centro de Rehabilitación Psicosocial que ten a asociación en Cangas. En honor a Choli Estévez, esta mostra poderá ser visitada ata o 10 de outubro. 

O luns 6 de outubro ás 12:30 terá lugar a inauguración da exposición “Pálpitos”, unha mostra de pintura e escultura na que participaron Reyes Fragueiro e Olalla Baz.  As súas obras poderán ser visitadas na Casa da Xuventude de Vigo (López Mora, 31) ata o día 21 de outubro.

Ademais destas dúas exposicións, a asociación Doa colocará unha serie de mesas informativas para dar a coñecer o seu traballo e visibilizar a realidade das persoas con enfermidade mental. Estas estarán dispoñibles o día 8 de outubro de 10:00 a 14:00 na Casa da Bola (Cangas) e o día 10 de outubro no me3smo horario no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo. 

O propio Día Mundial da Saúde Mental, o 10 de outubro, a asociación Doa organizará unha mesa redonda no Edificio Administrativo da Xunta en Vigo (Concepción Arenal, 8) baixo o título “Enfermidade mental: perigo ou medo? Abrindo mentes, cerrando estigmas”. Esta terá lugar de 19:00 a 20:30 e nela participarán Estrela Gómez González, psicóloga e Directora Técnica de Doa, Juan Fernández Hierro, psiquiatra no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, e Gema González Pendás, traballadora Social da Asociación APEM Coruña.

Este mesmo día pola mañá realizarase, ás 13:00, a lectura do Manifesto do Día Mundial da Saúde Mental por parte dun representante do Concello de Vigo diante da entrada do edificio. A entrada a todos estes eventos e exposicións é libre e gratuíta. Se queres máis información, podes consultar o Facebook de Doa ou a súa páxina web.

dmsm doa.jpg