Skip to main content
Novas

Doutra maneira non tería esta oportunidade de demostrar a miña valía

By 3 de Xullo de 2013Novembro 13th, 2022No Comments

decathlon_caso_exito_pequena.jpg

“Grazas a este proxecto tiven a oportunidade de comezar unhas prácticas, que finalizaron uns meses máis tarde na contratación. Doutra maneira non tería esta oportunidade de demostrar a miña valía e o meu interese, xa que a miña idade dificultaría o acceso a un posto como este”.

Son palabras de Carlos Radío Soto, un usuario do servizo de Orientación Laboral de Feafes Galicia que grazas ao Programa Juntos Somos Capaces, tras a realización de prácticas non laborais na tenda de Decathlon en Vigo, conseguiu un contrato laboral.

No devandito establecemento realizou tarefas de vendedor na sección de Pesca. “Puiden ampliar os meus coñecementos sobre a pesca e en relación a outros deportes”, explica Radío, quen ademais valora “a posibilidade de rodearme dun equipo de persoas novas e activas e, como non, o incremento dos meus ingresos económicos”.

Doutra banda, sinala que se sentiu “plenamente integrado desde o principio tanto cos meus compañeiros como cos responsables. Non foi nada complicado, polas facilidades que me deron”.

Pola súa banda, Francisco Troitiño, Responsable de Natureza da tenda de Decathlon en Vigo, sinala que “foi un traballador que se integrou plenamente por dúas razóns fundamentais; primeiro, por ser un perfil moi técnico para a sección de Pesca, iso permítelle dominar o produto; e, segundo, polos seus dotes de atención ao público”.

Así mesmo, destaca que “é unha persoa moi activa, con actitude positiva e que ademais  achega moito ao equipo de compañeiros e aos clientes. Por tanto, reúne as calidades que require  a empresa”.

Troitiño destaca da súa experiencia con Juntos Somos capaces que lle facilitou “chegar a perfís adecuados e a miña experiencia foi positiva porque Carlos integrouse perfectamente”.

Por último, destaca que a dirección da tenda lles motiva para que se favoreza a integración de persoas con diversas capacidades, e eles como responsables deciden se esa persoa cumpre os requisitos necesarios para a súa sección, entrando desa forma no proceso de selección como outra persoa sen discapacidade.