Skip to main content
“As persoas non son culpables da súa pobreza. Non o son as nenas e nenos nin as súas nais e pais. Ninguén é inútil nin culpable do seu sufrimento”. Esta é unha das conclusións da Declaración institucional contra o odio e a intolerancia que o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade, con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza do 2017. 
A Declaración, promovida por EAPN Galicia -rede galega de loita contra a pobreza da que forma parte FEAFES Galicia-, advirte da “crecente evolución dos prexuízos, estereotipos e a intolerancia e mesmo desprezo polas persoas en situación de pobreza ou exclusión”, tal e como denunciaron moitas delas no último Seminario Galego de Participación e Cidadanía Inclusiva baixo o lema “Participando en contra de prexuízos e mentiras”. 
Durante este seminario e nos 10 talleres locais anteriores, identificáronse e déuselles visibilidade ás mentiras, estereotipos e prexuízos que afectan as persoas participantes, así como a saber por que son mentira e reflexionar sobre o impacto que teñen na súa vida persoal e relacional. Con todas elas construíuse o Muro das Mentiras. 
A continuación, na mesma xornada, deuse resposta á seguinte pregunta: como lle facemos fronte ás mentiras e que propostas teño? Con todas elas construíuse o Muro da Inclusión. Ambos os muros están feitos con caixas de cartón, como as que utilizan para durmir varias das persoas que participaron no seminario. 
O 20 Febreiro celébrase o Día Mundial da Xustiza Social, declarado polas Nacións Unidas para reclamar un desenvolvemento económico e unha globalización que garanta resultados equitativos para todos a través do emprego, a protección social, o diálogo social e os principios e dereitos fundamentais no traballo. 
A este propósito, o Muro das Mentiras e o Muro da Inclusión trasladáronse ao Parlamento de Galicia para volver poñer o acento sobre a necesidade de erradicar as situacións cotiás que impiden a inclusión das persoas, perpetúan situacións inxustas e alimentan estereotipos negativos. 
O acto de inauguración contou co Presidente do Parlamento, Miguel Santalices, xunto á vicepresidenta de EAPN-Galicia, Mónica Permuy, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, así como deputados e deputadas e representantes de organizacións sociais galegas. 
En paralelo a este evento e para reforzar a súa difusión, EAPN Galicia e as súas organizacións membro puxeron en marcha a campaña #MentirasPobreza nas redes sociais, difundindo argumentos en contra dos prexuízos plasmados no Muro das Mentiras ou transmitindo mensaxes e imaxes reais e en positivo sobre a realidade das persoas coas que traballan estas entidades.