Con motivo do Día Internacional das Traballadoras e os Traballadores, que se celebra o domingo 1 de maio, SALUD MENTAL ESPAÑA quixo denunciar a situación insostible de desemprego á que se enfrontan as persoas con problemas de saúde mental, xa que oito de cada dez non ten un traballo. Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), no seu informe «O emprego das persoas con discapacidade (EPD)» correspondente ao ano 2020, tan só o 17,1% das persoas con discapacidade psicosocial ten un emprego. Esta cifra é tan só dúas décimas maior que a do ano anterior, 2019, que se situou no 16,9%. Baixo o hashtag #EmplearSinBarreras, a Confederación difunde esta campaña de sensibilización grazas ao financiamento do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.
“Un ano máis, as persoas con problemas de saúde mental son as que máis afectadas se ven polo desemprego dentro do ámbito da discapacidade”, denuncia Nel González Zapico, presidente de SALUD MENTAL ESPAÑA, polo que indica que “é urxente terminar coas inaceptables cifras de desemprego das persoas con problemas de saúde mental”. Segundo o presidente da Confederación, para elas “o emprego é terapéutico e permite que a súa evolución mellore, que a persoa se sinta útil e parte activa da sociedade con capacidade para achegar e participar e que se lle vexa, ademais, como cidadá de pleno dereito”. González Zapico sinala ademais a importancia de “potenciar a concienciación da responsabilidade social e das organizacións respecto ao benestar psicolóxico no lugar de traballo”.
A Confederación reclama un sistema de apoios e adaptacións que faga valer o dereito ao traballo das persoas con trastorno mental. Ademais, a organización reivindica á administración pública que impulse con maior forza políticas que favorezan a transición desde o emprego protexido ao emprego ordinario e alerta de que, para previr estes problemas, nas contornas laborais débese coidar a saúde mental de todas as persoas, e que se debe poder falar diso sen tabús nin prexuízos.
Precisamente o estigma é un dos maiores obstáculos aos que se enfrontan as persoas con problemas de saúde mental na contorna laboral. E á súa vez, a baixa inserción laboral deste colectivo é unha das principais barreiras para a súa inclusión social, debida en gran medida aos prexuízos que aínda moitas empresas e administracións públicas manteñen. Segundo o informe “Estigma e enfermidade mental: análise do rexeitamento social que sofren as persoas con enfermidade mental”, un 44,2% das persoas con problemas de saúde mental asegura sufrir algún tipo de discriminación laboral e case a metade estarían dispostas a aceptar “calquera tipo de traballo”. Por iso, é necesario sensibilizar ao tecido empresarial para fomentar a contratación na empresa ordinaria, apoiando a eliminación de mitos e estereotipos.
“É urxente mellorar, reforzar e impulsar medidas para que as persoas con problemas de saúde mental poidan traballar”, afirma González Zapico. “Isto pasa pola formación, a adaptación do posto de traballo, cotas de reserva de emprego, creación de cooperativas sociais, e contornas protexidas enfocadas á inclusión social. O movemento asociativo de persoas con problemas de saúde mental e familiares está firmemente comprometido para informar e asesorar nesta materia”, asegura o presidente de SALUD MENTAL ESPAÑA.
Os materiais da campaña #EmplearSinBarreras, constan dunha serie de vídeos de concienciación sobre emprego e saúde mental, que se poderán atopar nas redes sociais das entidades que conforman movemento asociativo a partir do 1 de maio. Como parte da campaña, Nel González e persoas do equipo técnico da Confederación, o mago Pepo Capel e profesionais de Quoon, argumentan neste vídeo os beneficios dun investimento na promoción da saúde mental en contornas laborais.
Traballar sen máscaras, empregar sen barreiras
Ante estas cifras que cada ano confirman a baixa taxa de emprego entre as persoas con problemas de saúde mental, e ante a importancia do emprego como apoio fundamental na recuperación da persoa, desde a Confederación impúlsanse iniciativas relacionadas con este ámbito.
Entre as actividades máis destacadas, atópase a campaña Traballar sen máscaras, empregar sen barreiras, cuxo fin é concienciar ás empresas, por unha banda, da importancia de implementar medidas en favor do benestar emocional e unha boa saúde mental dos traballadores e as traballadoras, e por outro, da importancia de cambiar o paradigma tradicional de contratación, abrindo as súas portas ás persoas con problema de saúde mental.