Skip to main content
O venres 24 de outubro, a Rede Galega de Loita contra a Pobreza, EAPN-Galicia, convocou aos xornalistas e representantes de medios de comunicación de referencia na nosa comunidade para conversar sobre o tratamento mediatico dos temas relacionados con pobreza e exclusión social.
O Museo Pedagóxico Galego acolleu esta xuntanza, que foi inaugurada polo presidente da EAPN-Galicia, Antonio Hernández, e pola Directora Xeral de Familia e Inclusión, Mª Amparo González. A continuación, o director da EAPN-Galicia, Xosé Cuns, presentou a Guía de estilo: pobreza, vulnerabilidade e voluntariado, un documento que pretende servir como ferramenta de utilidade para que os profesionais da comunicación poidan ofrecer unha información de calidade sobre as persoas en situación de pobreza.
Despois presentouse da man de Ana Escrigas, membro do Grupo de Comunicación da EAPN-Galicia, o Código de conduta e boas prácticas na comunicación da pobreza e a exclusión social, un documento interno da Rede que contén un decálogo de pautas comunicativas consensuadas polas entidades que conforman a EAPN-Galicia e que definen como debe ser a comunicación sobre as realidades coas que traballan.
Tras estas presentacións, xornalistas e representantes das entidades sociais, fundamentalmente responsables de comunicación, trasladáronse a outra sala para manter unha conversa sobre todo o exposto anteriormente. Nesta reunión de carácter máis informal, expuxéronse as inquedanzas de ámbalas dúas partes á hora de  trasladar á sociedade mensaxes sobre pobreza e exclusión social, do mesmo xeito que se afianzaron lazos para traballar todos xuntos cara a consecución dunha sociedade máis sensibilizada e comprometida coa erradicación da pobreza.