Skip to main content
A Rede Galega de Loita contra a Pobreza, EAPN Galicia, da que forma parte FEAFES Galicia, lanza a campaña “As persoas primeiro” para que as formacións políticas inclúan no debate electoral a situación de pobreza de 700.000 galegos e galegas.
Baixo a etiqueta #PobrezaGalicia e o lema “Compromisos, Coordinación, Causas e Dialogo Civil contra a pobreza e pola inclusión social” presenta unha web na que ademais de difundir as demandas do Terceiro Sector Social galego, se comparan as propostas das distintas opcións políticas e se fornece á cidadanía de información sobre a exclusión.
Esta campaña pide aos partidos políticos que a loita contra a pobreza e a exclusión social sexa eixo fundamental do debate nas Eleccións ao Parlamento de Galicia 2016. Dende a Rede Galega de Loita contra a Pobreza reclámase que as formacións políticas que concorren ás eleccións contemplen nos seus programas medidas firmes que consideramos perfectamente asumibles. 
“Resulta imprescindible que se aseguren compromisos firmes e resultados urxentes na mellora da calidade de vida das persoas, para os case 700.000 galegos e galegas en risco de pobreza ou exclusión social (25,7%) e en especial para as 115.000 con carencias materiais severas (4,2%)”, afirmou o presidente de EAPN Galicia, Antonio Hernández, na presentación da campaña.
A idea é dar a coñecer as demandas das persoas e organizacións que están a loitar polos dereitos sociais na nosa comunidade, comparar programas electorais antes de ir votar e presionar as diferentes candidaturas para que se comprometan con catro principios imprescindibles  para a erradicación desta lacra, resumidos dentro das chamadas 4C:
  • Contra as Causas da pobreza. Asegurando a igualdade de dereitos para todas as persoas e a inclusión social activa alonxada do asistencialismo.
  • Compromiso en orzamentos e planificación a medio e longo prazo.
  • Coordinación política e técnica entre as administracións e coas organizacións especializadas.
  • Dialogo Civil. Recoñecemento lexislativo e marco estable de financiamento do Terceiro Sector de Acción Social como alicerce do sistema público de servizos sociais

Unha web sobre a Galicia que importa

A campaña inclúe xuntanzas públicas coas formacións políticas, así como a divulgación dun decálogo no que se resumen as medidas que consideran urxente adoptar e a posta á  disposición das votantes unha web específica na que poidan acceder aos contidos da campaña, ao decálogo, ás 50 demandas concretas que a rede reclama das formacións políticas, e máis aos datos da Comunidade no tocante á pobreza, desigualdade, emprego e exclusión social. A web permite ter unha visión global e comparativa das propostas que as formacións que concorren ás Eleccións contemplan nos seus programas electorais.
Entre estas medidas urxentes áchase a redución dun 50% das persoas en situación de privación material severa; igualdade de dereitos; apoio á infancia e a mocidade; estratexias de formación e inclusión laboral; emprego digno; erradicación do “curtopracismo” da acción política; inclusión activa e non asistencialista; transparencia; ou aprobación da Lei do Terceiro Sector Social.