Skip to main content

Ante os alarmantes datos de pobreza e exclusión social que temos en España e en  Galicia (aínda que en menor medida), así como o fracaso das políticas que pretenden facer fronte a esta realidade, a Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN-Galicia) e as súas entidades membro presentan unha campaña que busca o compromiso dos políticos dos concellos e deputacións coa mellora da calidade de vida dos seus habitantes e o respecto dos seus dereitos sociais.

A través da campaña “Concellos ao servizo das persoas”, as entidades galegas de acción social, ademais de facilitar información e datos dos concellos sobre a súa realidade da pobreza e a exclusión social e o orzamento dedicado a combatela, queren comprobar se os candidatos ás eleccións municipais 2015 teñen como prioridade a loita contra a pobreza e a exclusión social nos seus concellos. 

Así mesmo, búscase a implicación dos galegos e galegas para que sexan cidadáns activos e demanden ós candidatos dos concellos que asinen as 15 demandas do “Compromiso coas persoas”, documento que será achegado pola EAPN-Galicia aos partidos políticos dos municipios.

O acto de presentación da campaña terá lugar o martes 10 de marzo ás 11:00 na Casa das Asociacións de Benestar Social (Rúa Manuel María nº6, Santiago de Compostela). Nel intervirán o presidente da EAPN-Galicia, David Silva, e o seu director, Xosé Cuns.

Por que #Pobreza24M?

Os concellos son a administración pública na que máis se percibe o sufrimento que sofren as persoas que na nosa comunidade malviven na pobreza ou na exclusión social. Cada día, 12.866.430 persoas en España (27,3% da poboación) e 672.123 galegos e galegas (24,3%) ven como se lles nega o seu dereito a unha vida digna e a unha auténtica inclusión social e laboral.

As organizacións que formamos a Rede Galega contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN Galicia), ao igual que o resto de redes autonómicas de EAPN España, seguimos a constatar o incumprimento dos dereitos fundamentais recoñecidos na Declaración Universal de Dereitos Humanos, na nosa Constitución e mesmo no noso Estatuto de Autonomía. Moitas persoas están a ser discriminadas por mor do lugar no que nacen ou viven. Non todos os concellos apostan por políticas de inclusión e benestar social e por orzamentos decentes.

As palabras xa non son suficientes. Cunha pobreza e unha desigualdade cada vez máis intensas e crónicas, nas vindeiras eleccións municipais non abondan as boas intencións. Non serven as promesas etéreas nin o indecente reparto de culpas políticas entre administracións. Son imprescindibles compromisos firmes e resultados urxentes na mellora da calidade de vida das persoas.

Queremos pedirlle a todos os candidatos e candidatas nas vindeiras Eleccións Municipais do 25 de maio que se comprometan coa dignidade e coa mellora da calidade de vida das persoas do seu concello, en especial das que se atopen nunha situación de pobreza ou exclusión social. E que o fagan asumindo as 15 propostas do “Compromiso coas Persoas”.

Se queres saber máis sobre esta camapaña, entra aquí.

pobreza24M.jpg