Skip to main content

Saúde Mental FEAFES Galicia achégase a centros educativos de toda Galicia para informar e concienciar a mocidade sobre saúde mental

Durante o curso escolar 2022-2023 achegámonos a máis de 15 centros educativos galegos, entre institutos de secundaria e facultades universitarias, para falar coa mocidade de diversos temas relacionados coa saúde mental.

Arredor de 300 alumnos e alumnas universitarias e 400 de secundaria recibiron as visitas de profesionais de saúde mental de distintos perfís (psicólogos/as, traballadores/as sociais, educadores/as sociais), que abordaron temas como a xestión e o manexo do estrés, mecanismos da ansiedade, sensibilización e intervención en suicidio ou prevención dos problemas de saúde mental.

O obxectivo destas charlas é sensibilizar e previr problemas de saúde mental no contexto educativo, ensinando ó alumnado a coidar a saúde mental, detectar sinais de alarma ou ter ferramentas que lles axuden en caso de que exista un problema desta índole. Ademais, os e as nosas profesionais tamén deron a coñecer os servizos e recursos dos que dispón a federación para atender a persoas que se atopan nesta situación.

A importancia de achegar a saúde mental ós centros educativos

Durante o curso escolar, impartimos 12 charlas en institutos de Lugo (Colexio Marista A Inmaculada, e IES Ollos Grandes), Santiago de Compostela (Colexio Maior Xelmírez, Compañía de María, CIFP Lamas de Abade e Centro de Educación Especial López Navalón), Ourense (CIFP PortoVello), e A Coruña (IES Terra de Soneira). Pola súa banda, foron 7 os encontros realizados en facultades da Universidade de Santiago, da Universidade de Vigo no campus de Ourense e da Universidade de A Coruña, neste último caso a través do programa UDC Saudable.

Esta iniciativa xorde da necesidade de educar en saúde mental desde a infancia e a xuventude, máis nun contexto como o que estamos a vivir no que os problemas de saúde mental son cada vez máis frecuentes nestes tramos de idade. Facer chegar esta información directamente ó alumnado dos centros e a quen participa da súa vida diaria, como o persoa docente e orientador, axuda a que coñezan esta realidade e teñan as ferramentas necesarias para traballar na prevención dos problemas de saúde mental.

Salud mental e xuventude

Segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), un de cada sete mozos e mozas ten algún problema relacionado coa saúde mental. A depresión, a ansiedade e os trastornos do comportamento atópanse entre as principais causas da enfermidade e discapacidade entre a poboación adolescente. A isto hai que engadir que o suicidio é a cuarta causa de morte entre os mozos e mozas de 15 a 19 anos.

Non ocuparse dos trastornos de saúde mental da mocidade ten consecuencias que se estenden á idade adulta, prexudican a saúde física e mental das persoas e restrinxen as súas posibilidades de levar unha vida plena no futuro. Informar e sensibilizar a estes grupos de idade é fundamental para previr e abordar de xeito temperá os problemas de saúde mental que se poidan dar na xuventude e reducir así o seu impacto na vida futura.