Skip to main content

Cando Belén
Germade chegou a Saúde Mental FEAFES Galicia no 2019, atopábase derrotada,
afundida. Perdera a súa carreira profesional, a súa independencia, a súa saúde
física e mental. “Debido a unha demora diagnóstica de 7 anos perdín o meu
traballo, os meus cartos… Nunca me sentira tan fracasada.”

Belén participou
no Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación
de Vulnerabilidade
, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade. Alí coñeceu
a outras mulleres que se atopaban nunha situación similar e aprendeu a convivir
co seu problema de saúde mental.

“Empecei a pensar
e a falar de min. Iso levoume a ser consciente das miñas propias opinións,
expectativas, pensamentos. Comecei a coñecerme a min mesma e puiden darme conta
dos meus logros e fortalezas, de que tiña unha verdadeira capacidade de
adaptación. Fun consciente da miña resiliencia.”

Os obradoiros de
autoestima e auto coidado, nos que Belén e outras mulleres participaron, teñen
como obxectivo que as usuarias afonden no concepto que teñen de si mesmas.
Deste modo, indágase nos condicionantes que inflúen na súa autoestima e
ofréceselles estratexias para mellorala, sempre desde un clima de aceptación,
confianza, seguridade e reforzo.

Belén sentíase
atrapada. “Estar aquí axudoume a ver que podía saír da miña situación e
superala”
. Coñecer as súas fortalezas e logros axudáronlle a recuperar a
confianza e afrontar os seus proxectos persoais. “Saber que era a persoa máis
loitadora que coñecera obrigoume a recoñecer as miñas capacidades e aptitudes e
a desprenderme da miña incapacidade aprendida”.

Respecto a súa
situación actual, Belén volveu estudar e conseguiu un título de formación
profesional do grado superior en Técnico de Laboratorio. Logro do que se sente
moi orgullosa: “Estou intentando reciclarme e recuperar a miña carreira
profesional. Estou tomando decisións persoais valentes e mellorando a miña
calidade de vida”.

Belén opina que
para coidar a saúde mental é fundamental atopar unha actitude positiva que,
segundo ela, se pode alcanzar con práctica, esforzo, traballo, constancia e
vontade. “Aínda que non poidamos cambiar os nosos diagnósticos, podemos atopar
a saúde mental dentro de nos mesmas.”